O matemático José Rodríguez (Bermés, Lalín, 1770 – Santiago de Compostela, 1824) foi elixido pola RAGC como “Científico Galego de 2024”, coincidindo co aniversario do seu pasamento. Co fin de divulgar o seu magnífico legado, estanse a realizar unha serie de actividades ao longo deste ano, entre elas unha exposición dedicada ao coñecido como “Matemático Rodríguez” ou “Matemático de Bermés”. No marco desta mostra, que pode visitarse na igrexa da Universidade de Santiago, o 16 de outubro vaise celebrar unha xornada dedicada ao ilustre científico galego, considerado o primeiro que alcanzou unha dimensión internacional.
A xornada, que comezará ás 16:30 horas, está promovida polo Consello da Cultura Galega, en colaboración coa RAGC e a Universidade de Santiago. É gratuíta e as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
O catedrático Francisco Díaz-Fierros abordará como Rodríguez foi “un alento renovador na ciencia galega”. Tamén se achegará a súa contribución no eido das matemáticas, da astronomía e da política. Intervirán varios expertos e expertas na súa figura, entre eles a matemática Elena Vázquez Cendón; a historiadora Margarita Barral; o escritor lalinense Gonzalo Navaza; o director do Observatorio Astronómico da USC, José Ángel Docobo; o matemático Xabier Pérez Couto; e a investigadora Carmen Villanueva. Ao remate da xornada, realizarase un percorrido pola exposición.