Falarase de proxectos para mellorar o fluxo de datos na cadea de subministro da madeira, tecnoloxías para unha viticultura máis eficiente e a ferramenta galega Smartwood para a correcta selección de especies forestais
Será ás 19 horas no salón de plenos da Deputación Provincial de Lugo ou en streaming na canle de YouTube da RAGC
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC), celebran mañá martes, 23 de novembro, a sexta xornada do XXXII ciclo Luis Asorey no salón de plenos da Deputación Provincial de Lugo. Esta edición de 2021 céntrase na “Dixitalización do sector agrario en Galicia”, tema de candente actualidade, con conferencias nas que se irán abordando as estratexias autonómica, nacional e europea e as referentes á modernización tecnolóxica dos subsectores agrícola, gandeiro e forestal, e do rural en xeral, a través de fórmulas como as “Smart farmings” ou as aldeas intelixentes. Tamén se exporán casos de éxito en relación coa dixitalización do sector.
Na xornada de mañá organizarase a mesa redonda “Aplicacións para propietarios, industria e comercialización. Catro casos de éxito en Galicia”, moderada polo coordinador do ciclo, doutor enxeñeiro de Montes, catedrático da USC, novo presidente da Asociación Forestal de Galicia (AFG) e membro numerario da RAGC, Antonio Rigueiro.
Nela participarán o xerente da empresa fmC Forestal y Medioambiente Consultores, Jesús Martínez Ben, que falará de “Trazabilidade no sector forestal: Chainwood e Timbertrack”; a directora xeral da empresa Monet Viticultura, Débora Franco Vázquez, que analizará o “Apoio á toma de decisións en viticultura”; e a enxeñeira de Montes Mercedes Rois Díaz que abordará a temática das “Aplicacións na cadea de valor forestal europea: Smartwood para selección de especies”.
Sobre a trazabilidade no sector forestal, Martínez Ben explica que o Chainwood ten por obxecto aplicar a tecnoloxía blockchain polas vantaxes e oportunidades que presenta esta tecnoloxía á cadea de subministro da madeira en España, permitindo desta forma dispoñer dunha infraestrutura software aberta que permita o acceso e xestión dunha gran variedade de datos relacionados coa cadea de subministro da madeira desde o monte á industria, a todos os actores participantes desde propietarios forestais ata empresas de aproveitamento, transformadores, asociacións de propietarios, responsables de certificación forestal, etc… “Trátase dun primeiro paso cara un ecosistema único de datos na cadea de subministro da madeira”, asegura e lembra que o proxecto permitiu realizar un prototipo de infraestrutura software que puido ser pilotada en diversos escenarios. Actualmente atópase pendente dunha segunda fase de desenvolvemento. Este proxecto foi financiado entre 2018-2020 por fondos FEADER e do Goberno de España no marco dos grupos operativos supra-autonómicos.
Ademais, Martínez Ben analizará o proxecto Timbertrack, que ten por obxecto o desenvolvemento dunha solución de etiquetado para a madeira en rollo en España, que permita identificar univocamente o produto e mediante o uso dunha infraestrutura software como Chainwood permitir a posta en valor dos datos vinculados a esta materia prima para beneficio dos diferentes actores participantes en cada unha das cadeas de subministro. “Mediante o uso de tecnoloxía RFID (radiofrecuencia), e hardware especificamente deseñado, unha etiqueta colocada na madeira en rollo actuará como único ID do produto permitindo vincular os datos que sobre el se xerasen” –apunta–. Este proxecto foi financiado entre 2018-2021 por fondos FEADER e do Goberno de España no marco dos grupos operativos supra-autonómicos, atopándose actualmente na súa última etapa de desenvolvemento.
Do campo da viticultura e as aplicacións tecnolóxicas falou Débora Franco. A experta explica que no viñedo, a maioría das decisións non son fáciles de tomar, e existen múltiples factores de risco a ter en conta para planificar o traballo diario. Por exemplo, falará que nun ataque fúnxico nun viñedo o desexable e non perder horas de traballo, á vez que se protexe o medio ambiente sen ter a necesidade de aplicar produto químico. Tamén analizará as necesidades hídricas nun viñedo, o índice de vexetación ou de clorofila, o prognóstico do tempo, en definitiva como pode axudar a tecnoloxía a planificar os manexos de forma máis eficiente.
Pola súa parte, Mercedes Rois falará da aplicación galega Smartwood para selección de especies. A consultora sinala que a tecnoloxía dixital víase antes como unha ameaza para o sector forestal, pero hoxe en día sábese que ofrece innumerables oportunidades, como a redución de impactos ambientais, tempos de execución ou mellora de intercambio de datos na cadea de valor.
Na charla fará un percorrido por diversas ferramentas dixitais desenvoltas para as diferentes pezas da cadea forestal en Europa (inventario, planificación, xestión, transporte, mercado…), con especial énfase na aplicación galega Smartwood, que en base a parámetros fisiográficos e ecolóxicos das parcelas, ofrece información aos propietarios forestais sobre as especies forestais máis idóneas a plantar nas súas fincas, así como as especies de setas que mellor se desenvolven baixo a especie arbórea seleccionada. Este novo módulo da aplicación da empresa Aleutos SL foi desenvolvido en colaboración co Instituto Forestal Europeo no marco do proxecto europeo DIVA Boosting innovative Digitech Value chains for Agrofood, forestry and environment (H2020).
A inscrición ao ciclo é gratuíta e desenvolverase ata o 24 de novembro en formato mixto: presencial, no salón de actos da Deputación de Lugo (rúa San Marcos, 8) e no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC en Lugo (rúa Benigno Ledo), e de forma telemática a través da canle de Youtube da RAGC, en horario de 19:00 a 21:00 horas.
O ciclo está recoñecido pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia como actividade de formación do profesorado non universitario. INSCRICIÓN para participar gratuitamente en todas as conferencias.