É unha iniciativa da Real Academia Galega de Ciencias coa colaboración do Consello da Cultura Galega
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebra cada ano o Día da Ciencia en Galicia. Vencellado a esta efeméride, promove unha exposición con todos os científicos e científicas galegos homenaxeados desde o ano 2008 ata o 2021. A mostra está a exhibirse en diferentes centros educativos da comunidade. Logo de pasar polo IES Pintor Colmeiro de Silleda, agora atópase no IES As Barxas de Moaña, onde permanecerá ata o 29 de abril. O seguinte centro onde recale será o IES Monte da Vila do Grove, a partir do 3 de maio.
Cada ano, desde 2008, A Real Academia Galega de Ciencias ven elixindo un científico ou científica do pasado, con motivo da celebración do Día da Ciencia en Galicia. Trátase de galegos, naturais ou adoptivos, que traballaron arreo por Galicia no eido da ciencia e as súas aplicacións, case sempre desde un gran descoñecemento do seu labor por parte da sociedade.
Conscientes da grande importancia da ciencia para o desenvolvemento socioeconómico do país e como motor dun cambio cultural profundo, a RAGC organizou esta exposición, co patrocinio do Consello da Cultura Galega. “O obxectivo é dar a coñecer a obra destes científicos e científicas, poñela en valor, agradecela e empregala como exemplo ante a sociedade” -sinalan desde a Academia-. Na mostra, por cada un destes persoeiros preséntase un breve resumo biográfico, xunto a unha explicación da súa contribución á ciencia en Galicia.
Os científicos e científicas incluídos na mostra son o matemático e humanista Enrique Vidal Abascal, o xeoquímico Isidro Parga Pondal, o xenetista Cruz Gallástegui Unamuno, o matemático e astrónomo Ramón María Aller, o químico, farmacéutico e médico Antonio Casares Rodríguez, o ilustrador e precursor da ciencia Benito Jerónimo Feijóo Montenegro, o médico naturista Luís Iglesias Iglesias, a oceanógrafa Ángeles Alvariño González, o químico orgánico Ignacio Ribas Marqués, o botánico e meteorólogo Baltasar Merino Román, o matemático e xeógrafo Domingo Fontán Rodríguez, o químico Tomás Batuecas Marugán, o enxeñeiro ao servizo da sociedade Andrés A. Comerma i Batalla, e a xenetista Jimena Fernández de la Vega.