A RAGC e a Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) acaban de resolver a primeira edición dos Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores xoves. Estes galardóns nacen co obxectivo de impulsar a investigación científica en Galicia, dando recoñecemento e potenciando as traxectorias de investigadoras e investigadores novos que desenvolven a súa carreira en centros da nosa comunidade, contribuíndo ao impulso do coñecemento científico como motor de progreso. Distingue a contribución da investigación ao avance das tres ramas de coñecemento: Ciencias Básicas, Ciencias Sociais e Ciencias Técnicas.

Na categoría de Ciencias Básicas a galardoada é Beatriz Pelaz, que traballa no desenvolvemento de nanomateriais para lograr fármacos máis eficientes; en Ciencias Técnicas distínguese a Belén Riveiro, polo seu labor na avaliación de estruturas de enxeñaría civil para previr colapsos en pontes, estradas e vías férreas; e en Ciencias Sociais o recoñecemento corresponde a Cristina Gómez, dedicada a estudar o comportamento das persoas en contextos de crises sociais e políticas.

Ao certame, que ten unha periodicidade bienal, poden presentarse persoas investigadoras que non superen os 40 anos de idade, ou os 42 no caso das mulleres que fosen nais ou das persoas con algunha discapacidade. Cunha dotación de 5000 euros para cada un dos tres premios, concedéndose ademais varios accésits. A esta primeira convocatoria presentáronse 63 propostas. Os galardóns entregaranse nun acto que se celebrará en decembro.

Beatriz Pelaz lidera 14 proxectos cun financiamento superior aos 3,5 millóns de euros

No campo das Ciencias Básicas recoñécese a Beatriz Pelaz (Valladolid, 1982), profesora da Universidade de Santiago e investigadora do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), que na actualidade lidera un proxecto do Consello Europeo de Investigación. O seu traballo céntrase no desenvolvemento de nanomateriais funcionais para a súa aplicación en modelos biolóxicos, co obxectivo de crear unha nova xeración de nanomedicinas máis eficientes, “buscando sempre solucións innovadoras e cun enfoque claramente interdisciplinar” -salienta o xurado dos premios-. Tamén ten desenvolto estudos pioneiros sobre nanomateriais biofuncionais, con impacto tanto no ámbito académico como no sector industrial. É membro da Academia de la Juventud de España e bolseira da Fundación Alexander von Humboldt, autora de máis dun centenar de artigos e dez capítulos de libros cun elevado impacto, así como autora dunha patente internacional sobre un biosensor baseado en nanopartículas metálicas. É a investigadora principal de múltiples proxectos do Plan Nacional e autonómicos, sendo ademais financiada pola axencia alemá de investigación, liderando en conxunto 14 proxectos cun financiamento superior aos 3,5 millóns de euros. Así mesmo, realiza un intenso labor de supervisión de estudantes de máster e doutoramento. O xurado destaca tamén “a súa importante dedicación á divulgación científica, especialmente enfocada a remarcar o papel da muller na investigación”.

Pola súa parte, Susana Ladra (Santiago, 1984), profesora da Universidade da Coruña e membro do grupo de investigación “Laboratorio de Bases de Datos” na facultade de Informática, recibiu un accésit. A súa investigación céntrase no eido da compresión de datos, enfocando o seu traballo ao deseño de algoritmos e estruturas de datos aplicados á recuperación de información e en aplicacións multidisciplinares no campo da bioinformática. Liderou un proxecto europeo H2020 e varios proxectos nacionais e autonómicos, participando en numerosas accións de transferencia e de divulgación científica. Durante os últimos anos foi investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións -CITIC- da UDC, coordinando unha nova liña de investigación baseada no deseño de algoritmos eficientes e estruturas compactas para a análise bioinformática, en particular para a análise de Big Data xenómico.

Outro dos accésit neste campo foi para Iria Gómez (Santiago, 1982), profesora da USC e directora do grupo de investigación “Xenomas e Inmunidade” no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas -CiMUS-, onde dirixe unha liña de investigación altamente produtiva, converténdose nun referente da investigación biomédica. O seu laboratorio está focalizado no estudo dos mecanismos moleculares da autoinmunidade e como as moléculas pequenas  participan na alteración do funcionamento do sistema inmunolóxico, así como o seu potencial terapeútico. Entre os seus traballos, destacan os relacionados coa diabetes tipo 1, en particular un proxecto financiado cun millón de dólares pola Fundación americana para o estudo da diabetes xuvenil.

Belén Riveiro usa a intelixencia artificial para diagnosticar a saúde das estruturas civís

No campo das Ciencias Técnicas distínguese á enxeñeira Belén Riveiro (Cotobade, 1983), profesora na Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo. Realiza a súa actividade investigadora no CINTECX -Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais-, onde forma parte do grupo de investigación “Xeotecnoloxías Aplicadas”. Lidera novidosas liñas de investigación que combinan a enxeñaría estrutural, a teledetección e a intelixencia artificial para a avaliación de estruturas de enxeñaría civil como pontes, estradas e vías férreas. As súas tecnoloxías permiten diagnosticar a saúde destas estruturas e poder así anticipar a aparición de posibles colapsos. Participa en proxectos nacionais e internacionais e os seus resultados de investigación téñense publicado en revistas como a prestixiosa Nature, que recolleu un traballo seu sobre os riscos aos que se enfrontan as pontes. Recibiu o “Premio Nacional de Investigación Matilde Ucelay 2022” para novos investigadores. É autora de 6 patentes e 4 rexistros de software e o financiamento captado como investigadora principal supera os 5,5 millóns de euros. O seu prestixio nacional e internacional levouna a coordinar a “Red Nacional en monitorización e inspección para la evaluación de estructuras en servicio”, que aglutina os grupos de investigación máis recoñecidos en España neste eido para evitar colapsos. Destaca así mesmo a súa dedicación á divulgación científica, especialmente enfocada a remarcar o papel da muller nos campos máis masculinizados.

Concedeuse un accésit á enxeñeira Sara González (Mondoñedo, 1982), profesora de Enxeñaría Química na USC e investigadora do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais -CRETUS-. As súas liñas de investigación inclúen a economía circular, o estudo das pegadas ambientais e a análise da sustentabilidade; empregando a metodoloxía da análise do ciclo de vida (ACV) en sistemas industriais, agroalimentarios, urbanos e forestais; o que lle ten permitido expoñer estratexias de circularidade e deseñar biorrefinerías nestes sectores. Ten unha produtiva traxectoria investigadora e de transferencia de resultados ao ámbito empresarial, cun financiamento superior a 1,8 millóns de euros. Está incluída no Top 2% de investigadores máis citados segundo a lista elaborada pola Universidade de Stanford, forma parte da coordinación da Red Española de ACV, é membro da Red Española de Biorrefinerías Sostenibles e responsable de la Agencia Estatal de Investigación para la evaluación del principio de “Daño sensible al medio ambiente”.

Cristina Gómez investiga sobre psicoloxía política e problemas ambientais

En Ciencias Sociais prémiase a Cristina Gómez (Vilalba, 1985), profesora de Psicoloxía da USC. Desenvolve o seu labor no campo da psicoloxía política, a acción colectiva e o comportamento das persoas en contextos de crises sociais e políticas, participando no proxecto europeo Caught in the Act of Protest. Investiga ademais sobre problemas ambientais no CRETUS, onde coordina o seu programa de Mentores. Foi bolseira FPU, da Fundación Barrié e do CIS -Centro de Investigaciones Sociológicas-. Doutora en Psicoloxía Social pola USC, publicou 9 capítulos de libros e 15 artigos en prestixiosas revistas, 14 deles indexados en Scopus e en Web of Science, cun alto impacto. Realizou estadías de investigación nas universidades de Groningen (Países Baixos), Lisboa e Ámsterdam.

O accésit foi para Ariadna Monje (A Coruña, 1990), profesora da Universidade da Coruña. Cursou o Máster en Dirección de Recursos Humanos no Michael Smurfit Graduate Business School (Dublín). Lidera diferentes grupos de traballo relacionados co emprendemento -en colaboración cos proxectos GEM en España- e co turismo, realizando tanto investigacións científicas como asesoría para distintas administracións. Publicou varios artigos científicos en revistas indexadas en Scopus e Web of Science e varios capítulos de libros. Realizou estadías de investigación nas universidades de Tesalónica (Grecia) e King’s College London.

Share This