O accésit do certame, convocado pola RAGC e a Xunta, foi para un traballo sobre o potencial da investigación agroalimentaria da xornalista Elisabet Fernández
A RAGC, en colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), falla a novena edición do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2024. Está destinado a galardoar unha peza xornalística científica ou tecnolóxica, de carácter informativo, en formato escrito ou audiovisual, publicada ou emitida no último ano en calquera medio galego (ou edición galega dun medio estatal). O premio entregarase nun acto que se celebrará o vindeiro 19 de xuño, ás 19:00 horas, no Pazo de San Roque de Santiago.
O xurado acordou conceder o premio á reportaxe “La UVigo ensaya cómo reducir la corrosión mediante la impresión 3D de hormigón” da xornalista Sandra Penelas Padrón, publicada o 8 de outubro de 2023 no diario Faro de Vigo. Afonda nun proxecto nacional liderado por enxeñeiras da Universidade de Vigo que avalía de forma pioneira os beneficios da impresión 3D de formigón. Destaca que estes cementos condutores protexerán as estruturas porque pesan menos e reducirán os custos e o impacto ambiental do sector da construción, posto que, segundo apunta, “só a industria do formigón é responsable do 8% de todas as emisións que chegan á atmosfera”.
O xurado salienta que “desde o punto de vista da divulgación da ciencia que se fai en Galicia, pon en valor o labor de dous grupos de investigación que están a desenvolver o proxecto, así como a posible transferencia dos resultados da súa investigación á industria”. Desde a Academia remarcan ademais “a contribución desta peza á visibilización do papel da muller na ciencia, dado que as investigadoras principais son todas mulleres, especialmente nun campo onde a porcentaxe feminina é inferior á masculina, como é a enxeñaría”. A galardoada recibirá unha dotación de 5.000 euros.
Sandra Penelas: “A divulgación da ciencia debe ser obxectivo tanto dos científicos como dos xornalistas”
Sandra Penelas (Verín, 1977) é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago e traballa en Faro de Vigo desde 1999. “Escribo sobre temas relacionados coa educación universitaria, a ciencia e a divulgación, e entrevisto aos talentos galegos que traballan polo mundo” -manifesta-. Pon de relevo que “durante este anos, teño coñecido a moitas expertas e expertos das universidades e centros de investigación galegos que traballan ao máis alto nivel, aínda que moitas veces sen o recoñecemento que merecen por parte da sociedade e das institucións. E a divulgación tamén se ten convertido para eles nunha parte esencial do seu día a día porque queren dar a coñecer o valor da cencia, espertar vocacións e que os cidadáns tomen decisións informados. Un obxectivo este último que, sen dúbida, debemos compartir científicos e xornalistas”.
Elisabet Fernández: “Quixen poñer en valor o talento de xeracións de científicos que sitúan a Ourense e a Galicia no podio mundial”
Outorgouse un accésit á segunda peza mellor valorada, a reportaxe titulada “La élite alimentaria capta 2,5 millones en un año desde Ourense” de Elisabet Fernández González, publicada no xornal La Región o 29 de novembro de 2023. É un percorrido polo traballo dos grupos de investigación do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación do Campus de Ourense, unha agrupación estratéxica que aglutina a un centenar de científicos do ámbito agroalimentario. Desenvolven proxectos moi vencellados ao territorio, detectando fraudes no queixo, mellorando o viño, revalorizando a pel da pataca… ata a elaboración de pan para celíacos con fariña galega.
Valorouse que se trata dun “amplo traballo xornalístico sobre a investigación no eido alimentario nun dos campus galegos, no que entrevista a investigadores de distintos grupos de investigación e de distintas xeracións e pon sobre a mesa cuestións relevantes para o ecosistema galego de I+D+i como o retorno de talento a Galicia e o fomento das vocacións femininas na ciencia”. Así mesmo, o xurado destacou a inclusión dun código QR que remite a unha reportaxe audiovisual da visita da xornalista aos laboratorios, “un recurso que contribúe a chegar mellor á sociedade”.
Elisabet Fernández (Ourense, 1992) graduouse en Xornalismo pola Universidade de Santiago en 2016. Ese mesmo ano entrou a formar parte da redacción do diario La Región, onde sempre estivo ligada á información local, encargándose da área de Educación, en particular da sección de Universidade. Recentemente integrouse no equipo da edición ourensá de Faro de Vigo.
A galardoada sinala que “buscaba dar a coñecer e poñer en valor o talento de xeracións de científicos que sitúan a Ourense e, por extensión, á UVigo e á investigación feita desde Galicia, no podio mundial”. Explica que a UVigo acababa de converterse na décimo quinta universidade do mundo máis valorada no ámbito da alimentación na prestixiosa clasificación Shanghai, que mide a calidade dun millar de universidades. “Neste contexto, e no intento de divulgar a ciencia feita aquí, quixen poñer rostro aos responsables deste fito, que ademais lograron captar nun ano 2,5 millóns para investigación” -remarca-.
O papel dos medios de comunicación na difusión da ciencia e a tecnoloxía
A RAGC considera que “a ciencia e a tecnoloxía teñen actualmente un papel determinante e indiscutible no desenvolvemento económico e o benestar social dun país, polo que comunicar estes achados e as súas aplicacións á sociedade galega é unha prioridade”. Nesta liña, a Academia manifesta que os medios de comunicación poden contribuír “dun xeito decisivo” a acadar este obxectivo.
O xurado desta edición estivo composto polo académico da RAGC Pedro Merino, que actuou como presidente; a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama; Luís Manuel Villamor, doutor en Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago; a directora da Área de Centros de Gain, María José Mariño; e a técnica da Área de Programas de Gain Silvia López.