Padre Feijoo

Día do Científico Galego 2013

Benito Jerónimo Feijoo y Montenegro, máis coñecido como Padre Feijoo, naceu no Pazo de Casdemiro, en Pereiro de Aguiar (Ourense), o 8 de Outubro de 1676, no seo dunha familia de antigos fidalgos. Realizou os seus primeiros estudos en Allariz e no colexio beneditino de Santo Estevo de Ribas de Sil. Aos 14 anos, tras renunciar ao morgado que lle correspondía como primoxénito, ingresou no mosteiro beneditino de San Xulián de Samos (Lugo), onde realizou dous anos de noviciado. Xa profeso, estudou Artes no colexio de San Salvador de Lérez (Pontevedra) e logo Teoloxía nos de San Vicente de Salamanca e San Pedro de Eslonza (León). En 1702 regresou a Galicia para ensinar Artes no colexio de Lérez e logo Teoloxía no de San Xoan de Poio (Pontevedra). Finalmente, en 1709, foi destinado ao Mosteiro de San Vicente de Oviedo, cidade na que permaneceu ata o seu falecemento en 1764. Alí obtivo por oposición unha cátedra na Universidade, onde explicou teoloxía.

Pensador e escritor, home ilustrado pertencente á chamada primeira ilustración, sucesor dos “novatores”, dotado dun profundo espírito crítico, cultivou o xénero do ensaio. Coñecedor das obras dos grandes pensadores e científicos do momento –Galileo, Descartes, Newton, Gassendi, Pascal, Bacon…– mantívose crítico coa ciencia oficial baseada en exceso na autoridade de Aristóteles, interpretada polos tomistas e preconizou o uso da razón, apoiada pola experiencia, como único método válido para a ciencia.

Na súa obra, de carácter enciclopédico, abordou os temas máis diversos, que van dende as artes adivinatorias, ás supersticións e outras crenzas e actitudes populares, pasando por temas médicos, de filosofía, de historia, de ciencias naturais, de ensino público, de demografía, etc., ata a igualdade da muller, sempre dende un punto de vista crítico e revisionista, pero dentro da ortodoxia da fe.

Adoptou basicamente dúas formas literarias: a do discurso, na que abordou temas concretos, someténdoos á análise crítica e ao discurso, á luz das novas tendencias científicas e a forma epistolar, na mesma liña, aínda que máis sinxela. O Teatro crítico universal, unha das súas obras máis importantes, integra 118 discursos nos 8 volumes dos que consta, converténdose así nun escenario ou visión panorámica da realidade do momento. Por outra parte, son 166 as cartas que se atopan nos 5 volumes que conforman as Cartas eruditas y curiosas, a súa segunda obra importante.

Nuns momentos nos que, sobre todo en España, dominaba a ciencia oficial e imperaba a Inquisición, as publicacións do Padre Feijoo levantaron unha gran polémica, con moitos detractores e tamén defensores, como o Padre Sarmiento e o mesmo rei Fernando VI. Este carácter polémico, contribuíu sen dúbida, xunto coa súa extraordinaria valía, a darlle unha gran celebridade, tanto en España como no extranxeiro, de modo que as súas obras foron reeditadas varias veces e traducidas aos idiomas máis importantes como o francés, inglés, alemán e italiano, xa en pleno século XVIII. O seu pensamento alcanzou así unha gran proxección social e a grande efervescencia ideolóxica provocada polos seus ensaios sobre temas científicos de todo tipo, chegou á sociedade nunha acción divulgadora que transcendeu os ámbitos do saber institucionalizado e espertou una grande interese pola ciencia.

Escritor e pensador galego de primeira magnitude, o Padre Feijoo é distinguido pola Real Academia Galega de Ciencias como Científico Galego para o ano 2013, polo seu espírito aberto e valente en defensa dos fundamentos do que había de ser a ciencia actual, entón incipiente, e polo seu esforzo por instruír á sociedade, tratando de clarificar unha serie de falsas crenzas e prácticas populares á luz dos devanditos principios.

PROGRAMA

23 de Abril de 2013

Pazo de San Roque
Santiago de Compostela

19:00 h. Apertura do Acto
19:00 h. Fr. José Luis Vélez Álvarez O.S.B.
Prior da Real Abadía de Samos
“Semblanza persoal do Padre Feijoo”
19:30 h. Profa. Dra. Dna. Inmaculada Urzainqui Miqueleiz
Catedrática de Literatura Española
Investigadora e ex-Directora do Instituto Padre Feijoo
Universidade de Oviedo
“Seguir a ciencia europea. Feijoo e o periodismo cultural”
20:10 h. Peche do Acto
Prof. Dr. D. Ernesto Viéitez Cortizo
Presidente da Real Academia Galega de Ciencias

Documentos

Diptico/ Cartel A4

DÍAS DA CIENCIA EN GALICIA