Antonio Casares Rodríguez

Día do Científico Galego 2012

Antonio Jacobo Casares Rodríguez naceu en Monforte de Lemos (Lugo) o 28 de abril de 1812, onde cursou o ensino primario e secundario no Colexio de Humanidades. Nos primeiros anos da súa carreira profesional licenciouse en Filosofía (disciplina na que tamén se doutorou) e en Farmacia; xa máis tarde, licenciaríase tamén en Medicina. Á marxe destas titulacións principais, tamén cursou estudos de Mineraloxía no Museo de Ciencias Naturais de Madrid.

Con só 24 anos gañou por oposición a primeira Cátedra de Química Aplicada ás Artes da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago. Posteriormente, convertiríase no primeiro catedrático de Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC), cargo que ocupou dende 1845 ata o seu falecemento. Tamén ocupou interinamente outras cátedras, como a de Química Inorgánica e a de Historia Natural dende a que impulsou o Gabinete de Historia Natural, que co tempo se convertiría no Museo de Historia Natural da Universidade.

O seu primeiro cargo administrativo na USC chegou en 1846, co nomeamento como decano da Facultade de Filosofía (que daquela abranguía as disciplinas de Letras e Ciencias). En 1857 asume o decanato da recén creada Facultade de Farmacia e dous anos despois converteuse no primeiro decano da Facultade de Ciencias (Química), tras a separación da Facultade de Filosofía nas de Letras e Ciencias. En 1872 foi nomeado reitor da USC, cargo que exerceu ata o seu falecemento, o 28 de Abril de 1888.

A súa extraordinaria formación e capacidade de traballo permitíronlle acadar importantes logros en diferentes ámbitos do coñecemento. Foi un dos creadores da análise química e un dos iniciadores da técnica da espectrocopía en España. A el débense os primeiros estudos en profundidade sobre as fontes de augas medicinais e os viños galegos. No primeiro caso, os seus traballos de análise de metais en augas levárono a realizar as súas primeiras investigacións en Caldas de Reis e Cuntis, ás que logo seguiron outras en Arteixo, Carballo, Mondariz, A Toxa, Sousa, etc. O seu prestixio nesta área era tan grande que os seus servizos foron requeridos por toda España, dende Gran Canaria ata Zamora. O seu traballo sobre o descubrimento dos metais Rubidio e Cesio en augas minerais foi un fito importante na ciencia española. Casares foi quen de orientar o seu traballo científico ao estudo de temas de interese práctico para a industria e a agricultura e en xeral para a sociedade galega, un aspecto novidoso no seu tempo.

No ano 1847, tan só unhas semanas despois das primeiras experiencias mundiais en Massachussets (EE.UU.) e Edimburgo (Reino Unido), sintetizou cloroformo e éter cos que se realizaron as primeiras intervencións cirúrxicas con anestesia en España. Tamén realizou investigacións no ámbito da Mineraloxía, ata o punto de que no curso dos seus traballos de campo en Cabo Ortegal (A Coruña) logrou descubrir dous novos minerais: a morenosita e a zaratita (aínda que esta última non se admite na actualidade como especie mineral propiamente dita). Ademais, foi un dos tres especialistas que, a petición do cardeal Miguel Payá Rico, ditaminaron sobre se os restos descubertos na Catedral de Santiago en 1879 correspondían ao Apóstolo e a dous dos seus discípulos. As súas aportacións quedan recollidas nos numerosos traballos científicos que publicou en revistas nacionais e internacionais.

O seu carácter emprendedor levouno, no ano 1851, a acender no claustro do edificio da Universidade de Santiago -hoxe Facultade de Xeografía e Historia- a primeira luz eléctrica con arco voltaico que funcionou en España.

No campo docente acadou un elevado recoñecemento, destacando polo carácter práctico da súa metodoloxía, que incluía sistematicamente observacións, experimentos e saídas ao campo. A súa preocupación por que os seus alumnos dispuxesen de manuais, xunto cun amplo dominio de idiomas, levárono a traducir varios textos do francés e do alemán. Posteriormente escribiu os seus propios libros. A primeira publicación foi o “Tratado de Química”, en 1848, que tras varias edicións titularíase “Manual de Química general con aplicaciones a la industria y en especial a la agricultura”. Este texto foi utilizado de xeito oficial nas universidades de España durante case corenta anos. Logo viron a luz “Programa de Química General” e “Tratado práctico de análisis químico de las aguas minerales y potables”.

Pertenceu a moi diversas corporacións científicas nacionais e estranxeiras e estivo en posesión de múltiples condecoracións e honras, entre as que destacan Cabaleiro do Toisón de Ouro, a Gran Cruz de Isabel a Católica e Cabaleiro da Real Orde de Carlos III.

Químico eminente, farmacéutico, médico, pedagogo, divulgador da ciencia, coleccionista, home dunha moi ampla cultura e servidor público en postos de responsabilidade, foi merecidamente proclamado pola Real Academia Galega de Ciencias “Científico Galego” do ano 2012, como exemplo e portaestandarte da ciencia en Galicia.

PROGRAMA

24 de Abril de 2012

Pazo de San Roque
Santiago de Compostela

19:00 h. Apertura do Acto
19:00 h. Semblanza da familia
Prof. Dr. D. Juan Casares Long
Reitor Magfco. da Universidade de Santiago
de Compostela
“Unha aproximación á figura de D. Antonio como eixo central da familia Casares”
19:30 h. Prof. Dr. D. Ramón José Estévez Cabanas
Decano da Facultade de Química da USC
“A Química en Compostela no bicentenario do nacemento de Antonio Casares”
19:40 h. Prof. Dr. D. Manuel R. Patiño Bermejo
Catedrático do Dpto. de Química Inorgánica da USC
“Antonio Casares Científico de Honra”
20:10 h. Peche do Acto
Prof. Dr. D. Ernesto Viéitez Cortizo
Presidente da Real Academia Galega de Ciencias

Documentos

CARTEL / PDF