Tomás Batuecas Marugán
Día de la Ciencia en Galicia 2019
O químico Tomás Batuecas Marugán será o homenaxeado este ano no Día da Ciencia en Galicia, a celebración promovida pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) para reivindicar a importancia da investigación a través das súas figuras máis destacadas.
A homenaxe, que coincide co 150 aniversario da creación da táboa periódica, foi aprobada unanimemente polos académicos con base na traxectoria de Batuecas como referente internacional na determinación dos pesos atómicos dos elementos químicos. Esta propiedade dos diferentes tipos de elementos que forman a materia é fundamental para orientar e manexar as súas aplicacións en innumerables campos do coñecemento e da industria.
Aínda que o acto académico de homenaxe terá lugar o 8 de outubro, a RAGC iniciará de inmediato os contactos con todas as institucións científicas vinculadas ao investigador e ao seu campo de coñecemento para organizar nos vindeiros meses actividades de difusión e divulgación sobre a figura de Batuecas, no marco do Ano Internacional da Táboa Periódica dos Elementos Químicos (designado pola ONU).
Primeiro catedrático de Química Física
Tomás Batuecas naceu na localidade estremeña de Aldeanueva del Camino en 1893, aínda que estivo estreitamente ligado a Galicia desde que en 1932 gañara a cátedra de Química Física da Universidade de Santiago de Compostela (USC) –a primeira desta especialidade habilitada en España– ata o seu falecemento na capital galega en 1972.
Tras licenciarse en ciencias químicas na Universidade de Salamanca en 1913, Batuecas orientou o seu doutoramento ao tema que había de protagonizar toda a súa traxectoria científica, centrando a súa tese na revisión do peso atómico do carbono.
Do Laboratorio de Investigacións Físicas en Madrid, onde foi discípulo de Blas Cabrera, pasou á Universidade de Xenebra grazas a unha bolsa de dous anos outorgada pola Xunta para Ampliación de Estudos, institución antecesora do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Alí coñeceu o destacado científico Enrique Moles, co que formou equipo durante moitos anos á súa volta a Madrid, xunto con outros recoñecidos investigadores como Julio Palacios.
En 1932 gañou por oposición a primeira cátedra de Química Física habilitada en España, o que supuxo a creación de novos laboratorios e liñas de investigación na USC. Alí foi recibido como a figura de relevancia internacional que xa era.
No discurso de inauguración do curso 32-33, o profesor Montequi dáballe a benvida como “un nome prestixiosísimo que se cotiza entre os máis destacados valores internacionais consagrados á medida de masas atómicas”.
Ata a súa xubilación en 1963, Batuecas progresou alí nas súas investigacións neste campo e foi mestre de varias xeracións de discípulos que continuaron e ampliaron o prestixio da Escola de Química Física compostelá.
A hexemonía do carbono
O peso atómico dos elementos químicos que compoñen a táboa periódica é unha propiedade física moi relevante que permite estudar o comportamento dos distintos tipos de materia e establecer relacións entre eles. Isto é fundamental para o seu coñecemento e o deseño de aplicacións na química, a física, a bioloxía, a ciencia aeroespacial, a xeoloxía, a medicina e todo tipo de industrias.
O enfoque científico sobre o peso atómico dos elementos foi evolucionando ao longo do tempo. Aínda que nun principio se considerou unha medida estable, desde principios do século XX asumiuse que o peso atómico dun mesmo elemento podía variar en función da orixe da mostra. Por exemplo, hoxe sábese que o boro de Turquía ten un peso diferente que o de California.
Ademais, durante moitos anos houbo grandes controversias sobre cal era o elemento cuxo peso debía usarse como valor de referencia idóneo para establecer os demais. Durante décadas, a discusión centrouse no osíxeno e o hidróxeno, así como no isótopo 16 do osíxeno.
Con todo, en 1961, sendo Batuecas presidente da Comisión Internacional de Pesos Atómicos, quedou establecido que o isótopo 12 do carbono sería a unidade universal de referencia, convención que segue vixente na actualidade para os 118 elementos que forman parte da táboa polo de agora (os catro últimos foron incorporados en 2016).
O importante papel do catedrático da USC nesta decisión da comunidade científica estaba directamente relacionado coa súa participación no grupo internacional de traballo dedicado a determinar da maneira máis precisa posible as masas atómicas dos elementos e o establecemento dunha escala única.
Ao longo da súa traxectoria, Batuecas publicou 139 traballos científicos, dos que arredor de 50 foron difundidos por revistas internacionais de primeiro nivel. Neles queda constancia dos esforzos do químico da USC por afinar todo o posible diversos métodos de determinación rigorosa de masas atómicas. Grazas a estes, el e o seu equipo conseguiron especificar as de varios elementos: o aluminio, o magnesio, o silicio, o sodio, o potasio, o arsénico e o plomo.
Mira o video