Domingo Fontán Rodríguez
Día da Ciencia en Galicia 2018
Naceu en Portas en 1788 e iniciou a súa educación orientado polo seu tío Sebastián, párroco de Noya, onde cultivou o Francés e o Inglés, con axuda de sacerdotes que abandonaron Francia con motivo da Revolución. Como era típico da época, a súa formación abarcou un amplo abanico de saberes: filosofía, hebreo, biblia, teoloxía, canons e ciencias exactas, cunha forte vinculación á Universidade de Santiago. Exerceu a docencia en distintos campos e institucións, aínda que a súa actividade académica e científica desenvolveuse basicamente na Universidade de Santiago, como matemático e xeógrafo. Foi discípulo e sucesor na cátedra de José Rodríguez, o “matemático de Bermés”, inspirador do seu traballo e do que recibiu apoio. Foi tamén director do Obsevatorio Meterológico de Madrid e exerceu ademais actividade política, ocupando, entre outros moitos, o cargo de Deputado en Cortes. Recibiu recoñecementos nacionais e internacionais. Faleceu en Cuntis en outubro de 1866. Os seus restos descansan no Panteón de Galegos Ilustres.
Das moitas actividades de Domingo Fontán, sen ningunha dúbida hai que destacar, no ámbito científico, a súa obra mestra: A Carta Xeométrica de Galicia. Iniciada en 1817, finalízaa en 1834, despois de 17 anos de intenso traballo no que colaboraron José Valladares, o topógrafo Domingo Laredo, o profesor Manuel Rufo Fernández e o seu irmán Andrés. Contou tamén con aparellos, algúns deles traídos do estranxeiro polo seu mestre D. José Rodríguez. A Carta levouse a cabo construíndo unha malla triangular con vértices nos cumes dos montes e promontorios, unha trama de rectas e ángulos con referencia na Torre do Reloxo da Catedral de Santiago, como punto cero. Realizada a escala 1:100000, nela utilizouse por primeira vez o sistema métrico. É o primeiro mapa construído en España utilizando medidas xeodésicas rigorosas con base científica. Presentado á Raíña Mª Cristina, o mapa editouse en París en 1845. Trátase dunha obra inxente, de gran transcendencia para o desenvolvemento de Galicia, básica para a articulación do territorio, para o trazado das vías de comunicación, para referenciar xeograficamente a poboación, os recursos e outros aspectos de interese.
PROGRAMA
8 de Outubro de 2018. 19h
Pazo de San Roque
Santiago de Compostela
Visita á exposición Científicos Galegos 2008-2018 Benvida e apertura do acto Video homenaxe |
“A obra científica de Domingo Fontán” Prof. Dr. Francisco Díaz-Fierros Viqueira Catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola |
Entrega do Premio Galicia de Xornalismo Científico a Manuel Vicente García. Radio Galega |
Intervención do Presidente da Real Academia Galega de Ciencias Prof. Dr. Miguel Ángel Ríos Fernández |
Peche do acto |
Documentos
Mira o video
DÍAS DA CIENCIA EN GALICIA