Fernando Calvet i Prats

Día da Ciencia en Galicia 2025

O

químico Fernando Calvet i Prats é o científico homenaxeado no Día da Ciencia en Galicia 2025. Foi o introdutor da bioquímica moderna en España, modernizador da química orgánica en Galicia e iniciador da investigación química na Universidade de Santiago nos anos 30 do pasado século. Colaborou eficazmente no desenvolvemento de Galicia coa súa contribución científica aplicada á industria, sendo un pioneiro neste labor.

Doutorouse en Oxford en 1927

De Barcelona a Oxford

Fernando Calvet i Prats (Vilafranca del Penedès, Barcelona, 1903 – Barcelona, 1988) iniciou a súa formación en Química na Universidad de Barcelona, onde tamén comezou a súa carreira docente en 1923. Dous anos despois recibe unha bolsa para traballar en Oxford con Chataway, un dos poucos químicos orgánicos ingleses ben relacionado coa escola alemá de Von Baeyer, daquela a mellor do mundo. En 1927 obtén o grao de doutor en Oxford e un ano máis tarde o da Universidad de Madrid.

 

Creou o primeiro laboratorio de Química da Universidade de Santiago

En 1929, recén cumpridos os 26 anos, gañou a cátedra de Química Orgánica da facultade de Ciencias da Universidade de Santiago, neses intres carente de tradición docente e investigadora no eido das ciencias experimentais, ata o punto de que o centro non dispoñía de ningún laboratorio químico.

Pouco despois recibiu unha bolsa da Fundación Rockefeller para traballar en Múnic sobre a química dos alcaloides, baixo a dirección do premio nobel Heinrich Wieland. De volta en Santiago, en 1930, conseguiu montar un laboratorio para prácticas de Química Orgánica e outro destinado a traballos de investigación, creando un grupo moderno, equiparable aos mellores do Estado e pioneiro nas ciencias galegas.

 

Calvet na facultade de Ciencias da Universidade de Santiago

Con alumnado e docentes da facultade de Ciencias da USC

Co reitor Cadarso e varios profesores da Universidade de Santiago

Pioneiro en aplicar a bioquímica á industria

Neste período puxo a punto técnicas novas de síntese e illamento de compostos orgánicos, moitos a partir de produtos naturais. Paralelamente, organizou un servizo de semimicroanálise elemental orgánica que foi utilizado por algunhas industrias e serviu para incrementar o seu prestixio, ata o punto de recibir unha felicitación da Sociedad Española de Física y Química.

Simpatizaba cos grupos galeguistas da Universidade

De ideas liberais, tiña unha manifesta simpatía polos sectores galeguistas da Universidade, como o Seminario de Estudos Galegos e os grupos Ultreia. Afirmaba que «Galicia es una nación perfectamente definida […] la Universidad tiene que ser el exponente cultural de esta nacionalidad». É de subliñar a súa participación na constitución do chamado Pacto de Compostela, no que, entre 1933 e 1934, os nacionalistas cataláns, vascos e galegos se comprometeron a apoiarse mutuamente no servizo dos ideais comúns.

Mantiña contactos con galeguistas como Ramón Obella e Plácido Castro

Fármacos a partir do caruncho do centeo

A partir de 1934 a orientación dos traballos de Calvet comezou a mudar cara á aplicación da química orgánica nos sectores económicos do país como a pesca ou a industria farmacéutica. Así, fundou en Vigo -xunto o médico Ramón Obella e o farmacéutico Francisco Ruvira- o Instituto Bioquímico Miguel Servet, converténdose no seu director científico.

O laboratorio dedicouse principalmente a estudar métodos de conservación, análise e extracción do caruncho do centeo co fin de obter alcaloides, que se empregarían para fabricar o preparado Pan Ergot, indicado para afeccións como a migraña e o glaucoma.

A partir de 1934 a orientación dos traballos de Calvet comezou a mudar cara á aplicación da química orgánica nos sectores económicos do país como a pesca ou a industria farmacéutica. Así, fundou en Vigo -xunto o médico Ramón Obella e o farmacéutico Francisco Ruvira- o Instituto Bioquímico Miguel Servet, converténdose no seu director científico.

O laboratorio dedicouse principalmente a estudar métodos de conservación, análise e extracción do caruncho do centeo co fin de obter alcaloides, que se empregarían para fabricar o preparado Pan Ergot, indicado para afeccións como a migraña e o glaucoma.

Neses intres a bioquímica era un campo emerxente, con novas e amplas aplicacións, polo que en 1935 Calvet solicitou unha pensión para traballar nesta especialidade en Estocolmo xunto ao premio nobel Von Euler, un dos pais da bioquímica europea.

Durante a Guerra Civil estivo un tempo no cárcere

 

 

O comezo da Guerra Civil sorprendeuno en Vigo, onde se atopaba coa súa familia, e desde alí tivo coñecemento pola prensa da súa destitución como catedrático por «catalanista, antimiltarista y por sus ideas separatistas», tamén por «francamente comunista».

Para evitar represións, e como dispoñía dunha bolsa para continuar estudos en Estocolmo, volveu alí en setembro do 36. Rematada a bolsa, consegue un contrato como profesor de prácticas na facultade de Medicina de Edimburgo.

En 1938 negocia coas autoridades franquistas no exterior a súa volta coa promesa de que non habería represalias, pero nada máis entrar en España foi preso por un tempo no cárcere de Tui.

No Instituto de Bioquímica de Estocolmo

Os seus éxitos como director técnico dos Laboratorios Zeltia

Ao saír da prisión, ao non poder reincorporarse á Universidade de Santiago, asentouse coa súa familia en Vigo, onde reiniciou os seus traballos nos Laboratorios Miguel Servet, que aos poucos meses se integrarían nos Laboratorios Zeltia do Porriño. Nesta nova etapa, baixo a dirección de Calvet, Zeltia patentou en pouco máis dun ano máis de dez especialidades farmacéuticas e elaboráronse fármacos hepáticos, insulinas, vitaminas… Un dos seus grandes éxitos nesta empresa foi a síntese do popular insecticida ZZ.

Nos laboratorios de Zeltia en 1944

Vista aérea do complexo industrial de Zeltia

Da Universidad de Barcelona a prestixiosos centros en Nova York

Tería que agardar a 1944 para que se resolvese a súa situación de apartamento da docencia. Reposto no seu cargo de catedrático, foi destinado á Universidad de Salamanca. Despois dun breve paso pola de Oviedo, incorporouse á de Barcelona, onde conseguiu que a bioquímica se transformase en disciplina independente, creou un importante grupo de investigación e colaborou como asesor científico-técnico en varias empresas farmacéuticas. Neses anos tamén traballou no Brooklyn Polytechnic Institute de Nova York e na Universidade de Nova York, onde estudou o metabolismo das células hepáticas.

 

No ano da súa xubilación, en 1973, realizou a tradución da Bioquímica de Lehninger, converténdose nun dos textos máis populares desta disciplina en España. Ao longo da súa traxectoria, foi autor de decenas de publicacións científicas e director dunha vintena de teses de doutoramento.

 

Na Universidad de Verán de Santander no ano 1933 con varios premios Nobel

Potenciou o deporte e as relacións sociais na universidade

Na Universidade compostelá, ademais de traballar pola integración das mulleres na docencia, Calvet aportou un aire europeo ás formas docentes, tanto na relación co alumnado como na incorporación do deporte, sobre todo o rugby. Apostou pola sociabilidade universitaria, organizando xornadas de té, música e excursións. En 2017 realizouse unha película sobre a súa vida: «Os fillos do sol».

Calvet impulsou a presenza feminina na Universidade

Excursión de profesores e alumnos da facultade de Ciencias en 1930, entre os que se atopa o químico Isidro Parga Pondal

Momentos de lecer con docentes da USC en 1931

ACTIVIDADES

Arrow