José Rodríguez González
Día da Ciencia en Galicia 2024
O
matemático José Rodríguez González é o científico homenaxeado no Día da Ciencia en Galicia 2024, unha celebración promovida pola RAGC para reivindicar o valor da investigación a través das súas figuras máis destacadas, na maioría dos casos descoñecidas para o gran público.
Coincidindo co bicentenario do seu falecemento, a RAGC pon de relevo que foi un científico no sentido moderno do termo e, para moitos, o primeiro de Galicia. A Academia destaca a súa loita desinteresada pola ciencia.
“O Matemático de Bermés”
Escultura do Matemático Rodríguez en Bermés, a súa localidade natal
José Rodríguez González (Lalín, 1770 – Santiago de Compostela, 1824) é coñecido como “o Matemático de Bermés” por ter nacido na parroquia lalinense de Santa María de Bermés, ou como “Matemático Rodríguez”. En Lalín ten unha rúa co seu nome e unha escultura do seu busto no campo da festa de Bermés. Foi un dos científicos europeos máis brillantes da súa época, con grandes aportacións non só ás matemáticas, senón tamén á xeometría, á astronomía, á xeografía e á mineraloxía.
Medrou no seo dunha familia humilde de labregos e puido estudar grazas á protección dun tío eclesiástico, completando a súa formación en Gramática, Aritmética e Latín. En 1790 obtivo o grao de bacharel en Filosofía e en 1795 o de Teoloxía. Formouse en matemáticas e física de maneira autodidacta a través das lecturas dos traballos de numerosos científicos como Newton ou Euler. En 1801 logrou, por oposición, unha cátedra de matemáticas no preparatorio da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago. O Claustro da Universidade remitiu un informe ao rei Carlos IV cualificando a Rodríguez de “xenio”.
Situou o quilómetro cero de Galicia en Lalín e participou na expedición internacional que permitiu establecer o metro como unidade de medida
Os seus múltiples contactos permitíronlle acceder a varias universidades europeas, en particular como docente de Astronomía. En 1806 foi nomeado comisario español na expedición internacional cuxa misión era medir a prolongación do meridiano de Dunkerque-Barcelona a Formentera. Esta medición foi fundamental para o establecemento da unidade de medida de lonxitude, o metro, a partir da cal se establecerían as unidades do resto de magnitudes que conforman o actual sistema métrico decimal.
Foi o matemático que situou a Lalín como o quilómetro cero de Galicia, en concreto no lugar de Fonte Castiñeiroa, no Vento (Bermés).
Metro enviado por Rodríguez á Universidade de Santiago en 1818
Corroborou a teoría de Newton de que
a terra era achatada polos polos
En 1809 trasládase a Londres, onde realiza estudos e cálculos do meridiano de Greenwich para dilucidar se a teoría de Newton sobre que a terra era achatada nos polos era certa. Algúns científicos ingleses sostiñan que era achatada polo ecuador. O seu traballo, publicado pola London Royal Society na súa revista científica Philosophical Transactions en 1812, tivo unha gran repercusión. Así, a súa achega máis relevante á ciencia foi demostrar empiricamente que a teoría de Newton era correcta, a pesar das conclusións erróneas doutros científicos, e ademais facelo cunha maior exactitude que calquera outro matemático da época.
Portada e fragmento da novela de Julio Verne “Aventuras de tres rusos e de tres ingleses na África austral”, no que se cita a Rodríguez
O seu interese pola mineraloxía
Entre 1812 e 1814 foi o titular da cátedra de Matemáticas Sublimes na Universidade de Santiago. Posteriormente viaxaría a Francia e Alemaña, sendo substituído na cátedra por Domingo Fontán, autor da Carta Xeométrica de Galicia e Científico Galego en 2018.
Empezou a interesarse pola mineraloxía, sendo obsequiado por R. Haüy cunha das únicas dúas coleccións que existen no mundo de 1024 modelos cristalográficos. Trala súa morte, a colección pasou por varias mans e finalmente foi vendida en 1847 á Universidade de Santiago por 4.000 reais; hoxe pode admirarse no Museo de Historia Natural, xunto a instrumental diverso da época pertencente ao matemático.
O emperador ruso Alejandro II ofreceulle a dirección do Observatorio Astronómico de San Petersburgo
Imaxe de José Rodríguez no Paraninfo da Universidade de Santiago
Dada a súa relevancia científica a nivel mundial, o emperador ruso Alejandro II ofreceulle a José Rodríguez a dirección do Observatorio Astronómico de San Petersburgo, o que induciu a que o nomeasen director do Observatorio Astronómico de Madrid.
O seu labor político
A súa actividade non só foi científica, senón tamén política. Sumouse aos liberais máis progresistas e foi elixido deputado por Galicia en 1820. Declarouse a favor da división provincial de Galicia coa creación dunha quinta provincia con capital en Santiago de Compostela e amosou interese por promover o coñecemento científico e o fomento da industria. Isto levouno a defender a creación dunha Universidade Central en Madrid (actual Universidade Complutense), onde ocupou a cátedra de Astronomía.
Ao restaurar Fernando VII o absolutismo, foi cesado e viuse obrigado a fuxir a Portugal en 1824, mantendo contacto coas Universidades de Coímbra e Lisboa. Ese mesmo ano regresou a Galicia e falecería aos poucos meses en Santiago de Compostela.
Vítor dedicado a Rodríguez na facultade de Matemáticas da USC, datado ao redor de 1856
DÍAS DA CIENCIA EN GALICIA