Juan Rof Codina
Día da Ciencia en Galicia 2022
O
veterinario Juan Rof Codina é o homenaxeado este ano no Día da Ciencia en Galicia, a celebración promovida pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) para reivindicar a importancia da investigación a través das súas figuras máis destacadas e, en moitos casos, descoñecidas para o gran público.
A RAGC valorou detidamente a Rof Codina como o grande impulsor da veterinaria en España e salientou a súa contribución á modernización do sector agropecuario en Galicia e á difusión do concepto de asociacionismo entre os gandeiros galegos.
Un dos principais impulsores da veterinaria en España
Juan Rof Codina (El Prat de Llobregat, Cataluña, 31 de agosto de 1874 – Lugo, 17 de xuño de 1967) foi o terceiro fillo dunha modesta familia catalá. O seu pai, Pablo Rof Xirinachs, tiña un taller de ferrería e de labores de cerralleiro e Rof viuse obrigado a deixar a escola para axudalo. Animado pola súa nai, Micaela Codina Portillo, desprazouse a Madrid para estudar na Escola Superior de Veterinaria.
Obtivo o posto de tenente veterinario militar en 1898 e foi destinado a Lugo, onde naceu o seu interese polos problemas gandeiros de Galicia. O seu introdutor neste ámbito foi o veterinario Ramón Carballo, co que estableceu unha relación máis que profesional ao casar coa súa filla Concepción Carballo Lameiro. Xunto a outros técnicos agropecuarios da época, traballou a prol da renovación técnico-produtiva da gandería galega ao longo do século XX, destacando dous campos: a aplicación e divulgación de novidades zootécnicas e a posta en práctica de medidas de hixiene pecuaria para a mellora substancial do continxente gandeiro, para o que comeza a escribir artigos de difusión de boas prácticas; e a organización e valorización da profesión veterinaria en España.
A súa presenza na Galicia rural permítelle familiarizarse coas enfermidades máis extendidas na época, como o gripo –glosopeda ou febre aftosa– e a nacida –carbunco bacteriano–, converténdose no primeiro divulgador dos traballos de Pasteur sobre estas doenzas. Foi tamén un decidido agrarista e participou en varias iniciativas destinadas a difundir o asociacionismo agrario, axudando, por exemplo, na creación de sociedades de seguros mutuos.
En 1901, tras un problema disciplinario cun superior, é trasladado a Granada, pero conseguirá regresar a Lugo ao ano seguinte e, despois de ascender ao grao de capitán, solicitou a excedencia. Xunto ao seu cuñado Jesús Carballo, tamén veterinario, abriu en 1905 a primeira clínica veterinaria galega, a primeira do Estado no seu xénero, chamada Gran Clínica Veterinaria de Lugo, que conseguiu a representación exclusiva das vacinas do Instituto Pasteur para Galicia e Asturias. Así, liderou as campañas de vacinación, chegando a vacinar el mesmo a 250 cabezas de vacún nun só día.
Apuntes da materia “Cirugía General Veterinaria”
(1894-1895)
Rof Codina nun concurso gandeiro
Rof Codina vacinando
En 1909 obtivo o posto de Inspector Provincial de Hixiene Pecuaria e trasladouse á Coruña, onde exerceu durante máis de vinte anos. Organizou concursos de gando e inventou o Compás ou Bastón Rof (unha especie de pé de rei) para lograr unha medición máis perfecta nestes certames. Publicou a monografía “La raza bovina gallega”, un estudo no que se sentaron as bases do morfotipo do que logo sería a Raza Rubia Galega.
A súa figura deu nome á Fundación Rof Codina da USC e ao Hospital Veterinario Universitario Rof Codina de Lugo
Ao longo da súa vida escribiu unha inxente cantidade de artigos destinados a difundir as novas teorías nos campos da agricultura e a gandería. Entre as súas obras destacan “Galicia pecuaria” (1927), “El color de la yema de huevo de gallina” (1951), “La avicultura en Galicia” (1952) ou “Nociones de avicultura” (1962).
A maior parte da súa obra orixinal e da súa biblioteca persoal foi doada en 1995 pola súa filla Carmen Rof Carballo á Biblioteca da Facultade de Veterinaria de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, aínda que na actualidade o Fondo Rof Codina está na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo da USC. Juan Rof Codina dá nome á Fundación Rof Codina –creada en 1994 e vencellada á USC– e ao Hospital Veterinario Universitario Rof Codina de Lugo, así como a unha rúa nesta cidade, a outra en Monforte de Lemos e a uns xardíns na súa localidade natal en El Prat de Llobregat (Barcelona).
En 1932 pasou a dirixir a Inspección Xeral Veterinaria en Madrid, centrándose no desenvolvemento e dignificación da gandería. Trala Guerra Civil Española, o réxime franquista abriulle un expediente e foi condenado ao desterro en Tenerife, illa na que permanecerá ata 1941, regresando de novo a Lugo. Na súa cidade de adopción xubilouse en 1944, aínda que permaneceu activo a través da Cátedra de Divulgación Pecuaria de Galicia, que el mesmo creara, ata o momento da súa morte aos 93 anos. Foi nomeado Lucense do Ano (1964) e concedéuselle a Medalla de Ouro da Asociación Nacional Veterinaria (1965).
Usando o bastón Rof
Gran defensor do patrimonio natural e cultural de Galicia
Xunto a outros profesionais da época
Rof Codina foi, así mesmo, un gran defensor do patrimonio natural e cultural de Galicia. O seu papel foi decisivo para preservar a Muralla romana de Lugo fronte a unha iniciativa para o seu derrubamento co propósito de “favorecer o crecemento da cidade”. O material de pedra, segundo o proxecto, sería empregado en obras como os portos da Coruña ou Ferrol. Os seus argumentos culturais e técnicos (o cálculo detallado dos carros tradicionais que serían necesarios para levar a cabo a operación) foron fundamentais para desbotar a idea.
Rof Codina foi ademais un dos máis destacados participantes do famoso faladoiro do Hotel Méndez Núñez, xunto a outros recoñecidos lucenses como Ánxel Fole, Luis Pimentel ou Manuel María.
Homenaxe do Consello de Colexios de Veterinarios de España (1966)
Rof Codina coa súa familia
DÍAS DA CIENCIA EN GALICIA