A publicación enmárcase nos actos de homenaxe da RAGC ao “Científico Galego 2024”

O acto celebrouse na facultade de Matemáticas da USC, coa participación de varios dos autores

A RAGC continúa cos actos de homenaxe ao matemático José Rodríguez, “Científico Galego 2024”. Esta mañá presentouse na facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago o libro “José Rodríguez González (1770-1824). Un matemático sublime”. Nesta publicación, coeditada pola RAGC e o Consello da Cultura Galega, faise un repaso pola traxectoria profesional e vital deste persoeiro ilustre. Ao evento asistiron o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o alcalde do Concello de Lalín, José Crespo; o reitor da USC, Antonio López; o presidente da RAGC, Juan Lema; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; e a decana da facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez Cendón.

A publicación conta con limiares do presidente da RAGC, que se refire ao homenaxeado como “un científico internacional e un liberal transformador”; da presidenta do Consello da Cultura Galega, que fala de ”un matemático excepcional, un cidadán exemplar e un político liberal sempre preocupado polo país”; do conselleiro de Educación, quen pon de relevo a importancia “histórica, académica, científica do matemático Rodríguez, que foi un adiantado ao seu tempo e detrás do que hai moito traballo e talento”; do alcalde de Lalín, quen fala de Rodríguez como “o noso Leonardo da Vinci”; ademais do coordinador da publicación, o académico da RAGC Juan José Nieto Roig.

Inclúe artigos do historiador e cronista oficial do Concello de Lalín Daniel González Alén; dos académicos Manuel de León e Eduardo García Río; da investigadora Carmen Villanueva; do director do Observatorio Astronómico da USC, José Ángel Docobo; do director do Observatorio Astronómico Nacional, Rafael Bachiller; do académico da Real Academia de Farmacia de Galicia Francisco Díaz-Fierros; da profesora de Historia Contemporánea da USC Margarita Barral; e do catedrático de Historia da Arte da USC José Manuel García Iglesias.

No transcurso do evento celebrouse unha mesa redonda na que participaron varios dos autores da publicación, destinada a valorar o traballo e o impacto de José Rodríguez nas súas diferentes facetas. Estiveron Manuel de León, José Manuel García Iglesias, José Ángel Docobo e Daniel González Alén.

O primeiro científico de Galicia

Tal como sinala o coordinador da publicación, “Rodríguez foi un dos científicos europeos máis brillantes da súa época, con grandes contactos nacionais e internacionais, e con achegas non só ás matemáticas, senón tamén á xeometría, á astronomía, á xeografía e á mineraloxía. Foi un científico no sentido moderno do termo e, para moitos, o primeiro de Galicia”. As súas investigacións tamén se extrapolaron a Galicia, onde analizou a xeografía da nosa terra e realizou medicións xeodésicas que lle permitiron situar o centro da comunidade na Fonte de Castiñeiroa, no concello de Lalín, algo que aínda se acepta na actualidade como parte do acervo popular.

En 1806 foi nomeado polo Goberno de España «comisario de las operaciones para la medición

del meridiano de Dunkerque a Basilea», dentro dun gran proxecto internacional fundamental para establecer a medida de lonxitude, o metro, e o resto das magnitudes que conforman o actual sistema métrico decimal. Máis adiante foi membro da comisión para a prolongación dese tramo desde Barcelona ata as Illas Baleares. “Agora pode parecer evidente, ou mesmo irrelevante, o uso dunha unidade de medida de lonxitude como o metro, pero na época do Matemático Rodríguez convivían moitas” -salienta Juan José Nieto Roig-.

En 1809 trasladouse a Londres, onde realizou estudos e cálculos do meridiano de Greenwich para dilucidar se era certa a teoría de Newton sobre que a Terra era achatada nos polos. Algúns científicos ingleses sostiñan que era achatada polo ecuador. O seu traballo, publicado pola Royal Society de Londres en 1812, tivo unha gran repercusión. Así, a súa achega máis relevante á ciencia foi demostrar empiricamente que a teoría de Newton era correcta, a pesar das conclusións erróneas doutros científicos e, ademais, facelo cunha maior exactitude que calquera outro matemático da época.

Nieto lembra que a actividade do Matemático Rodríguez non só foi científica, senón tamén política. “Sumouse aos liberais máis progresistas e foi elixido deputado por Galicia en 1820. Declarouse a favor da división provincial de Galicia coa creación dunha quinta provincia con capital en Santiago de Compostela e amosou interese por promover o coñecemento científico e o fomento da industria, o que o levou a defender a creación dunha Universidad Central en Madrid (actual Universidad Complutense), na que ocupou a cátedra de Astronomía” -indica-. Non obstante, ao restaurar Fernando VII o absolutismo, foi cesado e viuse obrigado a fuxir a Portugal en 1824. Ese mesmo ano regresou a Galicia, onde faleceu aos poucos meses.

DESCARGAR libro

Share This