Juan Lema, presidente: “Somos ben conscientes do desequilibrio de xénero nos recoñecementos do ámbito científico e traballamos por mellorar o balance. Invitamos á sociedade científica a presentar candidaturas femininas aos premios da RAGC”
A RAGC incorporará cinco académicas no ano 2022
A Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT) – Nodo Galicia (AMIT-Gal) presentou hoxe na sede da RAGC, no Pazo de San Roque en Santiago, o informe “A presenza feminina na Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) 2008-2021 con motivo do Día da Muller e a Nena na Ciencia, que se conmemora este venres 11 de febreiro.
O informe indica que a Academia aínda ten moito camiño por diante para romper a brecha de xénero, que actualmente conta cunha representación de académicas inferior ao 20%, dato que non se corresponde coa presenza de científicas nas universidades e centros de investigación galegos. O mesmo acontece nas diferentes convocatorias de medallas e premios da entidade –Medallas de Investigación, Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo, Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, Premio de Divulgación Científica e Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas–, así como nas personalidades designadas no Día da Ciencia en Galicia como Científicas/os Galegas/os do ano.
O documento conclúe cunha serie de recomendacións que pretenden promover accións positivas co obxectivo de permitir un maior recoñecemento social das contribucións das mulleres científicas, fomentar unha imaxe máis inclusiva da RAGC e incentivar a presentación de mulleres candidatas nos distintos premios, tanto de forma individual como pola comunidade científica ou institucións que representan.
“Somos ben conscientes do desequilibrio de xénero nos recoñecementos do ámbito científico e traballamos por mellorar o balance. Nos últimos anos téñense tomado accións importantes, o que está resultando nunha evolución positiva. Invitamos á sociedade científica a presentar candidaturas femininas aos premios da RAGC” –manifestou o presidente da RAGC, Juan Lema–. Na súa constitución en 1978, a RAGC contaba coa Dra. Mª del Pilar Fernández Otero e non é ata o ano 2014 que tivo lugar o ingreso da seguinte académica. Desde entón, o presidente explicou que ingresaron na RAGC seis académicas numerarias que, por suposto, resultan “insuficientes”. Por outra banda, a RAGC anima á comunidade científica a presentar candidaturas lideradas por mulleres aos diferentes premios que outorga a Academia. Actualmente o número de candidaturas masculinas é notablemente máis elevado.
Novo pulo para as seccións de Bioloxía e Ciencias da Saúde, Ciencias Económicas e Sociais e Ciencias Técnicas
Exemplo da evolución positiva da RAGC para corrixir este desequilibrio de xénero é o ingreso previsto de cinco novas académicas en 2022. A presenza de mulleres académicas numerarias incrementarase coa incorporación de Carmen Isabel Álvarez Lorenzo (Santiago de Compostela, 1970), catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na USC, na sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde. Tamén formará parte da entidade como académica numeraria da sección de Ciencias Económicas e Sociais María Loureiro García (A Pontenova, 1972), catedrática de Economía na Universidade de Santiago (USC). E finalmente ingresará como académica numeraria na sección de Ciencias Técnicas este ano Herminia Dominguez González (San Xoán de Río, Ourense, 1965), catedrática de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo (Uvigo) no Campus de Ourense.
Como académicas correspondentes, ingresarán na RAGC este ano Marisol Soengas González (Agolada, 1968), investigadora do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO) en Madrid; e Ana Cebreiro Gómez (Ferrol, 1971), graduada en Economía pola Facultade de Ciencias Económicas da USC, e actualmente responsable de tributación internacional no Banco Mundial. Con toda seguridade a incorporación destas novas académicas axudará a fomentar o interese das nenas e mozas pola ciencia, aportándolles referentes femininos e eliminando os estereotipos e roles de xénero sobre a ciencia e a tecnoloxía, fortemente arraigados na sociedade.
Na presentación, celebrada no Pazo de San Roque en Santiago, participaron o presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio; a presidenta de AMIT-Gal, a profesora Ana Jesús López Díaz da Universidade da Coruña (UDC); e as autoras do traballo, a doutora e vogal de AMIT-Gal Joana Cristina Silva Magalhaes, investigadora da empresa Science for Change; e a doutora e socia de AMIT-Gal Vanessa Valdiglesias, responsable do Grupo de Investigación en Nanotoxicoloxía e Toxicoloxía Xenética da UDC. Asistiron tamén a profesora Alicia Estévez, vicepresidenta da Academia, vogal do Consello da Cultura Galega e membro da Unidade de Muller e Ciencia da Xunta de Galicia; e as directoras das unidades de igualdade das universidades galegas: María José Abad (UDC), Eva Aguayo da Universidade de Santiago (USC) e Águeda Gómez da Universidade de Vigo (Uvigo).
Descarga do informe na plataforma Zenodo:
https://zenodo.org/record/5942243#.YgLcSS2ZM_M (en galego)
https://zenodo.org/record/5918236#.YgLb-C2ZM_M (en castelán)