A RAGC, coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (Gain), falla os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2024, destinados a recoñecer traballos de investigación aplicada e casos de éxito en transferencia de coñecemento. Nesta décima edición recibíronse un total de 30 propostas para as dúas categorías do certame. Os dous traballos distinguidos recibirán un premio de 5.000 euros cada un, nun acto que se celebrará o 19 de xuño, ás 19:00 horas no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela.

Tecnoloxía galega transferida á empresa Aqualia, a 4ª en Europa no sector da auga, que xa se está a utilizar nas depuradoras de Tui e Jerez de la Frontera

O premio “Fernando Calvet Prats” a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía foi para o Grupo de Biotecnoloxía Ambiental do CRETUS -Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais- e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago. O equipo, coordinado por Juan Manuel Garrido, e no que tamén participou Dafne Crutchik, profesora da Universidad Adolfo Ibañez de Santiago de Chile, desenvolveu un procedemento para a recuperación de fósforo en augas residuais. O investigador salienta que “a lexislación obriga a eliminalo nas estacións depuradoras pero é posible recuperalo e reutilizalo como substancia útil. Dentro dos compoñentes do fósforo destaca a estruvita, con elevado poder fertilizante para a agricultura”.

Segundo os datos aportados polos investigadores, a UE só produce o 1% de rocha fosfática, un recurso non renovable extraído de explotacións mineiras e considerado estratéxico, tendo que importar unha boa parte do fosfato que se utiliza para a produción de fertilizantes en agricultura, aditivos para alimentación animal ou produtos químicos. “Un 86% deste recurso emprégase para a fabricación de fertilizantes para a agricultura. Por este motivo a recuperación de estruvita das EDAR axudaría a reducir a dependencia da UE de recursos externos, aumentando a circularidade do proceso de depuración” -destacan-.

Esta novidosa tecnoloxía, protexida por unha patente española e outra europea, transferiuse á empresa española Aqualia, a 4ª en Europa e 9ª no mundo do sector da auga. A compañía, que xestiona diversas EDAR en todo o país, implantou esta tecnoloxía na EDAR de Guillarei (Tui, Pontevedra) e na de Jerez de la Frontera (Cádiz), onde se puxeron en marcha senllas plantas de recuperación de fosfatos. O responsable da Delegación Norte de Aqualia, José Ramón Vázquez, sinala que “apostamos por procesos que melloren a eficiencia na xestión da auga e esta é unha tecnoloxía con moito potencial, tendo en conta ademais que moitos países xa obrigan a recuperar o fósforo das augas residuais e que a UE permite comercializar a estruvita. Solucionamos un problema nas depuradoras, melloramos a calidade da auga e, ademais, desenvolvemos un produto de grande utilidade para o campo”. Explica que para fomentar a precipitación de estruvita úsase un subproduto de baixo custo producido en Galicia pola empresa Magnesitas de Rubián (O Incio, Lugo). “Isto permite reducir notablemente os custos asociados ao uso de reactivos químicos para a precipitación de estruvita, tendo en conta que en España só hai dous produtores de óxidos de magnesio de calidade industrial e moi poucos na UE” -manifesta-.

Share This