Os académicos da RAGC María Loureiro, catedrática de Economía, e Senén Barro, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial e director científico do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes) da Universidade de Santiago, formarán parte do Consello Científico do Real Instituto Elcano. O obxectivo deste Consello é “fortalecer e multiplicar a capacidade de análise e o impacto” do Instituto Elcano sobre a comunidade académica, as redes de think tanks e a sociedade no seu conxunto.
O Real Instituto Elcano é a principal institución dedicada á reflexión e o pensamento de diferentes disciplinas en España e unha das máis relevantes de Europa. O seu Consello Científico coordina as distintas áreas para producir información útil e de carácter social, que permita o asesoramento especializado e imparcial en temas de actualidade relevantes para o noso país.
A catedrática María Loureiro asesorará en materias relacionadas con estudos sobre o impacto económico do cambio climático e outros aspectos vencellados á explotación dos recursos naturais. Pola súa parte, Senén Barro estará particularmente implicado na área de tecnoloxía e transformacións económicas.