No marco do World Water Congress, que se está a celebrar en Copenhague, o profesor Juan Lema, actual presidente da RAGC, acaba de ser nomeado “Distinguished Fellow” pola International Water Association (IWA). Outórgaselle este recoñecemento honorífico pola súa “extraordinaria contribución nos aspectos de investigación e liderado no sector global da auga”.
A proposta foi presentada polos profesores Zhiguo Yuan e Jurg Keller (da Universidade de Queensland, Australia), Mark van Loosdrecht (da TU Delft, Holanda), Willy Verstraete (da Universidade de Gante, Bélxica) e Piet Lens (do University College Galway, Irlanda).
Juan Lema é o primeiro español en recibir esta distinción, que se outorga cada dous anos, e o segundo de toda a comunidade iberoamericana. A IWA é a organización mundial máis prestixiosa e influente no eido da auga, e nela participan tanto empresas e institucións como centros de investigación. Está establecida en 140 países, cunha traxectoria de máis de 75 anos e conta con máis de 10.000 socios.