O segundo premio amosa a beleza da natureza a través dunha mosca morta dentro dunha flor, do estudante da USC Enaitz Busto
Os galardóns, convocados pola Real Academia Galega de Ciencias e a Universidade de Santiago, entregáronse esta mañá na facultade de Física
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e as facultades de Bioloxía, Ciencias, Física, Matemáticas e Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC) convocaron o IX Concurso “A Ciencia en Imaxe”. Neste certame prémianse fotografías e vídeos divulgativos de calquera contido relacionado coas Ciencias. Diríxese á comunidade universitaria da Universidade de Santiago e, como novidade desta edición, tamén á dos centros de Ensino Medio de Galicia nos que se imparte ESO e Bacharelato. Os premios desta edición entregáronse esta mañá na Aula Magna da facultade de Física durante o acto de celebración da festividade de San Alberte Magno, patrón das facultades de Ciencias.
Na modalidade de fotografía, a gañadora do primeiro premio, dotado con 200 euros, foi Pilar Vázquez Tato, profesora e investigadora da facultade de Ciencias da Universidade de Santiago (Campus de Lugo). A súa imaxe, titulada “Unha pinga de Ciencia”, amosa unha pinga de auga esférica que reflicte, a xeito de espello, matraces de laboratorio. “A refracción da luz fai que as pingas se comporten como unha lupa e mirando a través delas vese unha imaxe virada. Por iso, e co fin de ver con máis claridade os matraces recheos con colorantes químicos, volteouse a escena” -explica a autora da instantánea-.
O segundo galardón desta categoría, premiado con 100 euros, recau en Enaitz Busto Ziarreta, alumno da facultade de Bioloxía da USC. A súa fotografía “A curiosidade matou á mosca”, mostra unha mosca morta dentro dunha flor. “Ás veces, cando decidimos asomarnos ao mundo que nos rodea, podemos ver outros mundos que existen pero pasan desapercibidos, como o dos artrópodos. Estes animais son os máis abundantes no planeta e pasan inadvertidos até que son un estorbo para nós; pero, se sabes observar, podes ver como levan a cabo a súa vida, cazando, criando, comendo, polinizando, morrendo… Un ciclo vital fugaz do que non somos conscientes e que é tan bonito de ver como este caso” -salienta o galardoado-.
Na modalidade de vídeos divulgativos, o primeiro galardón, dotado con 250 €, foi para Luis Arcelle González, alumno do Colexio San José-Josefinas de Ourense, pola proposta “Que sería das verbenas sen Bunsen y Kirchhoff?”. O segundo galardón, que recibiu 125 €, recaeu no vídeo “Cristales de plata”, realizado por Fernando Barbadillo Jove, Fernando Díaz Gómez e Manuel Losa César, profesores e estudante do IES Ricardo Carvalho Calero de Ferrol.