O presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Lema, acaba de ser investido “Honorary Professor” pola Beijing University of Chemical Technology, que ocupa a sétima posición do mundo no ranking de Shanghai no eido da Enxeñaría Química. É un recoñecemento equivalente ao doutoramento “honoris causa”, que non teñen as universidades chinesas tradicionais. O nomeamento tamén o faculta para pertencer ao seu claustro de docentes e impartir anualmente conferencias. Ata o momento non chegan a 25 as persoas que en todo o mundo recibiron esta distinción.
Trátase dunha universidade de alto nivel que ten como obxectivo o desenvolvemento do talento químico á vangarda da ciencia e a tecnoloxía. O título foi outorgado en recoñecemento das “excepcionais achegas do profesor Lema no campo da biotecnoloxía ambiental, orientadas á recuperación de recursos a partir de residuos, nos derradeiros trinta anos, nun plantexamento visionario en base aos principios de economía circular”. O reitor chinés salientou ademais o legado de Lema pola creación da “escola de Santiago”, con máis de 120 doutores espallados en máis de 20 países.
Juan Lema amosou a súa gratitude por recibir tan alta honra dunha universidade tan prestixiosa. Comprometeuse a fomentar as relacións de investigación e de intercambio de estudiantes e investigadores entre as dúas universidades.
O profesor Lema conta con recoñecementos como a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago ou o doutoramento Honoris Causa polas Universidades Católica de Valparaíso (Chile), Valladolid, Politécnico de Milán e Autónoma de Barcelona. É Profesor Honorario da University of Queensland (Australia) e Fellow e Distinguished Fellow (o único español) da International Water Association.