O presidente da RAGC, Juan Lema, referente no estudo da enxeñaría ambiental, foi investido como doutor honoris causa da Universidade Autónoma de Barcelona (UAB). Durante o acto de investidura, ofreceu unha lección maxistral titulada “De la ingeniería (bio)química a la ingeniería biológica”.
Lema é catedrático emérito de enxeñaría química da Universidade de Santiago de Compostela (USC) pero iniciou o seu percorrido docente en 1976 na UAB, onde impulsou, xunto ao profesor Carles Solà, o primeiro departamento de Enxeñaría Química de España, especializado na enxeñaría ambiental e a enxeñaría biolóxica.
O novo doutor honoris causa da UAB é o coordinador científico do CRETUS -Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC-. Foi o primeiro director da Escola de Enxeñaría da USC e presidente da Conferencia de Directores e Decanos de Enxeñaría Química. Antes de incorporarse á USC, fora profesor do Departamento de Enxeñaría Química da UAB, onde dirixiu as primeiras investigacións nos campos da enxeñaría ambiental e a enxeñaría biolóxica. Está considerado un referente internacional na investigación en dixestión anaeróbica.
Coordinou ou participou en 48 proxectos de investigación, foi director de 61 teses de doutoramento e é autor de máis de 450 artigos en revistas internacionais e capítulos de libro, así como dunha vintena de patentes.