Foto: Universidad Complutense de Madrid
O académico da RAGC Ángel Carracedo vén de ser investido Doutor Honoris Causa pola Universidad Complutense de Madrid. O profesor suma así un novo recoñecemento á súa longa lista de distincións.
Catedrático de Medicina Legal da Universidad de Santiago (USC), foi director do seu Instituto de Medicina Legal. Desde 1999 é director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, director do Centro Nacional de Genotipado-ISCIII desde 2002, membro do CIBERER e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS). Na actualidade coordina o Grupo de Medicina Xenómica da USC, primero a nivel mundial en citacións na área da Medicina forense.
Ao longo da súa traxectoria profesional publicou máis dunha decena de libros e uns 550 artigos en revistas internacionais como Nature, Science e NatureGenetics, ademais de nas principais revistas de xenética médica, cancro e Medicina forense.
Durante a súa carreira recibiu numerosos premios, entre os que destacan a Medalla de Ouro e Prata de Galicia, o Premio Rey Jaime I de investigación, a Medalla Adelaide (a distinción máis importante a nivel mundial en Medicina Forense), a Medalla Galien, o Premio Nacional de Genética, o Prismas de divulgación, o Premio Galicia de Investigación, a Medalla Castelao ou o Premio Novoa Santos. É Doutor Honoris Causa por varias universidades de Europa e América.