A investigadora e académica da RAGC Marisol Soengas, xefa do grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO) e presidenta da Asociación Española de Investigación contra el Cáncer (Aseica), foi recoñecida polo Grupo Zendal no marco dos seus premios de saúde humana. Esta distinción está dirixida a aquelas persoas que contribuíron co seu traballo e os seus méritos na área científica ao desenvolvemento das vacinas, a prevención, a biotecnoloxía e o concepto One Health.
A distinción recoñécea como «unha das referentes españolas no estudo de cancro de pel a nivel internacional», o que a converteu nunha das científicas máis influentes no seu campo. O xurado tamén constata que «o seu traballo investigador foi da man da súa activa defensa do liderado das mulleres na ciencia e da necesidade de incrementar o investimento en I+D+i».