O académico José Rivas Rey (Vilargondurfe, 1947) acaba de ser nomeado Fillo Predilecto da Pontenova. O alcalde, Darío Campos, considerou de xustiza a distinción, non só polos méritos académicos e laborais que atesoura o físico, senón porque sempre -dixo- exerceu de pontenovés alá onde se atope.
José Rivas é catedrático emérito de Electromagnetismo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), licenciado e doutor en Ciencias Físicas pola Universidad de Valladolid e académico numerario da RAGC pola sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación.
Está considerado no eido nacional e internacional como unha grande autoridade no campo electromagnetismo, cuxa cátedra ocupa desde 1982. Traballou para o Instituto Max Panck de Stuttgart, considerado como un dos máis prestixiosos a nivel mundial.