No transcurso do evento entregaranse as Medallas de Investigación de Galicia que concede a RAGC
A RAGC conmemora o Día da Ciencia en Galicia o vindeiro 4 de outubro. Celebrará un acto central en Santiago, no Salón Nobre de Fonseca, en homenaxe a Manuel Colmeiro y Penido, nomeado como “Científico Galego do Ano” pola Academia pola súa “contribución ao cambio económico e social en Galicia e España”.
Manuel Colmeiro (Santiago de Compostela, 1818 – Madrid, 1894) licenciouse en Dereito e doutorouse en Leis na facultade de Dereito da Universidade de Santiago. Foi profesor de Economía Política e de Dereito Político e Administrativo da USC desde 1840. Con tan só 29 anos foi nomeado catedrático de Economía Política e Dereito Político e Administrativo na USC e de Dereito Político e Administrativo na Universidad Central de Madrid, onde ocupou a súa cátedra ata 1881.
A finais de 1842 foi nomeado socio de mérito da Real Sociedade Económica de Santiago, desde onde formou parte de comisións que estudaron a reforma de pesos e medidas, o sistema monetario español, a renda do sal, o establecemento dunha fábrica de sedas e algodóns en Santiago, así como os medios que se poderían propoñer para activar a construción de varias estradas na provincia.
Consciente de que a desamortización de Mendizábal de 1836 non daba unha resposta para a modernización do agro galego, foi o primeiro economista en albiscar a vía que debería seguirse, avogando pola redención dos foros, de xeito que se propiciara que a propiedade da terra fora dos propios labregos que a cultivaban e, ao mesmo tempo, dar solución ao minifundismo. Ao seu xuízo, este cambio contribuiría ao desenvolvemento agrario e económico. Non é ata 30 anos mais tarde que se publica a primeira lei de redención de foros e terían que pasar outros 50 ata que o sistema foral quedara definitivamente abolido en Galicia.
Un gran científico social que buscaba “el bienestar tan general como fuere posible”
Colmeiro foi un dos mellores expertos españois do século XIX nos campos da Economía, Dereito Administrativo e Dereito Político, destacando ademais a súa dedicación á Historia. Anhelaba un modelo de sociedade máis aberta, con maior participación cidadá, convencido de que a principal misión da ciencia económica era “hacer el bienestar tan general como fuere posible”. Así, entre outros aspectos, defendeu a existencia de sindicatos para resolver os conflitos, unha lexislación limitadora do traballo infantil, o proteccionismo ás pemes, a eliminación de impostos de consumos, estender a educación, as caixas de aforros e a beneficencia pública, así como o establecemento dunha política activa do Goberno para remediar o desemprego e a mendicidade, ou unha rede viaria “por conta do Estado”.
Foi deputado, senador, conselleiro de Estado e fiscal do Tribunal Supremo
Manuel Colmeiro amosou unha gran dedicación respecto dos asuntos económicos. A súa presenza nas institucións, academias e círculos que integraban a vida cultural e política española foi considerable, brindándolle múltiples oportunidades de analizar e debater propostas de reformas para encarar os profundos cambios económicos e sociais derivados da crise do Antigo Réxime, a construción dunha nova economía e a necesidade de posicionar España ante a industrialización europea. Foi deputado electo e senador electo pola provincia de Pontevedra (varias lexislaturas desde 1865), conselleiro de Estado, senador vitalicio e fiscal do Tribunal Supremo.En 1992 a Xunta de Galicia creou o Premio Manuel Colmeiro para traballos de investigación sobre a Administración pública.
Durante o acto proxectarase un vídeo centrado no homenaxeado
Durante o evento, que comezará ás 12:00 horas, impartirá unha conferencia en torno á figura do homenaxeado Juan Ramón Quintás, catedrático de Análise Económica e académico da RAGC. Ademais, no transcurso do acto proxectarase un vídeo centrado na súa traxectoria vital e profesional. E farase entrega das cinco Medallas de Investigación de Galicia que concede a Real Academia Galega de Ciencias.
O Día da Ciencia en Galicia é unha efeméride promovida pola RAGC que pretende a promoción social da ciencia, salientando a vida e actividades das personalidades que destacaron pola súa achega ao desenvolvemento científico na nosa comunidade.