“Temos unha enorme capacidade social para adaptar hábitos e procesos, para mobilizar elevadas sumas de fondos e para acelerar a innovación cando nos enfrontamos ao maior reto posible: a sostibilidade da nosa civilización”
O catedrático de Facenda Pública e exreitor da Universidade de Vigo, natural de Vilanova de Arousa, pronunciou o seu discurso “Economía, Cambio Climático e Políticas Públicas” nun acto celebrado no Pazo de San Roque en Santiago
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou o mércores, 15 de decembro, no Pazo de San Roque de Santiago o acto de ingreso do doutor en Economía pola Universidade de Santiago (USC) e catedrático de Facenda Pública na Universidade de Vigo (UVigo), Alberto Gago Rodríguez. Intégrase na institución como académico numerario da Sección de Ciencias Económicas e Sociais. Alberto Gago pronunciou o seu discurso de ingreso, titulado “Economía, Cambio Climático e Políticas Públicas”, que foi contestado en nome da Academia polo membro numerario e presidente da Sección de Ciencias Económicas e Sociais, o catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña (UDC) José Ramón Cancelo de la Torre.
O presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio, abriu o acto ao que asistiron outros académicos da institución, así como a directora Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Xunta de Galicia, Mª Sagrario Pérez; o reitor da USC, Antonio López; o vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Vicente Pérez Muñuzuri; a vicerreitora do Campus de Ourense da UVigo, Esther de Blas Varela; o reitor da UDC, Julio E. Abalde; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; entre outras autoridades.
O presidente da RAGC comezou o seu discurso lembrando a figura de Luis Caramés, académico falecido recentemente, que foi un forte promotor da incorporación do profesor Gago como académico. Engadiu que Gago ocupará na Academia un espazo do máximo interese. “A defensa do medio ambiente e a loita contra o cambio climático necesita dun esforzo colectivo e pluridisciplinar, abordando aspectos normativos, técnicos, sociais e económicos, unha visión holística que permita considerar todas as facetas dun problema poliédrico tan complexo e tan urxente” –manifestou–. Neste obxectivo común, a RAGC pode e quere aportar a súa visión, especialmente na mobilización da opinión pública mediante argumentos científicos que permitan decantar a percepción social cara a busca de solucións que, aínda que poidan parecer traumáticas a curto prazo, resulten imprescindibles pensando no medio e longo termo.
A pesar de que os temas noticiosos están na actualidade centrados na pandemia da covid-19, Alberto Gago sinalou ao inicio do seu discurso de ingreso que o cambio climático sigue a ser o principal reto da civilización neste século, e na contención do seu compoñente antropoxénico, engadiu que a economía ten unha enorme responsabilidade na análise, avaliación e mitigación dos seus efectos máis nocivos. Ademais, sinalou que o despregue de recursos de investigación realizado durante as últimas décadas foi extraordinario, multiplicando os enfoques para analizar os impactos económicos do cambio climático e para definir os instrumentos e políticas que poden situalo en sendas asumibles para a vida do planeta. “Está na nosas mans dar resposta a este reto se despregamos o arsenal de políticas ei de que dispoñemos. A UE pide acción e ten razón, porque canto máis tardemos, máis rápido teremos que movernos no futuro e moito máis caro será o custo da transición” –sentenciou–.
Entre as estratexias económicas de loita contra o cambio climático, Gago fixo fincapé nas políticas de mitigación, as máis importantes que despregan un amplo abano de instrumentos. De todos eles, declarou que o máis recorrido consiste na fixación de prezos ao carbono, para o que soen utilizarse os denominados impostos ambientais. Explicou que se trata de instrumentos que, ademais de facer aflorar os custos sociais que causan as actividades contaminantes e de reducir os danos ambientais ao influír sobre as demandas de produtos e consumos con efectos nocivos a través dos prezos, teñen características de flexibilidade e efectividade, promoven a innovación e proporcionan recursos públicos importantes para facilitar a transición ás economías descarbonizadas que os países da UE asumiron como compromiso no Acordo de París.
Agora ben, Gago apuntou que os impostos ambientais teñen unha incidencia moi ampla, que debe ser analizada con coidado. Nas últimas décadas, argumentou que a economía pública leva realizado moitos esforzos de investigación con este obxectivo, e como exemplo falou da utilización dos impostos sobre carburantes para simular diversas opcións de reforma fiscal, estimando os seus impactos distributivos e deseñando mecanismos para establecer compensacións correctoras. “Os argumentos de eficacia non son suficientes, como cabe ilustrar con outro exemplo referido ás políticas públicas de incentivo. En todo caso, o coidado na análise dos efectos, na avaliación previa dos impactos, na correcta definición dos instrumentos, non son motivos suficientes para demorar a posta en marcha de paquetes amplos e fortes de políticas públicas, impostos incluídos” –subliñou–.
En definitiva, Gago aseverou que a economía tal vez respondeu con pereza diante do problema do cambio climático no século pasado, pero nas dúas últimas décadas do presente século está reaccionando con intensidade. “Sabemos o que está a ocorrer e que sendas seguir para asegurar a transición ás economías descarbonizadas. En certo sentido, a pandemia veu a reforzarnos neste empeño, porque demostrou que temos unha enorme capacidade social para adaptar hábitos e procesos, para mobilizar elevadas sumas de fondos e para acelerar a innovación cando nos enfrontamos ao maior reto posible: a sostibilidade da nosa civilización” –asegurou–.
Implicación e compromiso coa súa contorna
A continuación, o académico numerario e presidente da Sección de Ciencias Económicas e Sociais, o catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña (UDC) José Ramón Cancelo de la Torre, ofreceu unha sincera resposta á disertación de Gago. Comezando pola parte curricular, Cancelo sinalou que o novo académico comezou a súa actividade económica e investigadora en 1979 cando se incorporou ao Campus de Vigo, naquel entón integrado na única universidade galega, a de Santiago. Catro anos despois, presentou a súa tese “Inflación e Imposto sobre a Renda: o caso español”, que marcou a súa primeira gran liña de investigación, a reforma do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas, publicando entre mediados dos anos 80 e 90 estudos e propostas de mellora do sistema fiscal español nas principais revistas de facenda pública.
Xa na década dos 90, Cancelo explicou que o profesor Gago interesouse cada vez máis polas externalidades negativas asociadas á deterioración do medio ambiente, iniciando unha nova liña de investigación na súa carreira científica centrada na imposición ambiental, é dicir, o deseño de instrumentos de política ambiental, a reforma fiscal verde e a relación entre a imposición e a eficiencia enerxética.
O inicio desta nova etapa investigadora estivo marcado pola publicación dun artigo na revista Palau 14 en 1994 xunto ao profesor Xavier Lavandeira, e que foi o principio dunha sucesión de artigos nas revistas máis prestixiosas. Esta bagaxe bibliográfica situou a Gago como experto en reforma fiscal e imposición, e por iso actuou por exemplo como asesor da Secretaría de Estado de Hacienda no deseño do Proxecto de Reforma Fiscal de 2006.
Ademais desta extensa carreira científica, Gago tamén dirixiu multitude de teses de doutoramento, grupos de investigación, comisións de xestión de investigación, transparencia e formación de investigadores, implicándose coa súa institución, a Universidade de Vigo da que finalmente foi reitor entre 2006 e 2010. “A traxectoria de Gago é a dunha persoa que renunciou aos seus intereses persoais nun dos seus mellores momentos profesionais para dedicarse de maneira absoluta e incondicional á súa universidade e, cando esa etapa finalizou, retomou a súa actividade investigadora con toda naturalidade” –asegurou–.
Cancelo apuntou que se compromiso coa súa contorna reflíctese claramente nas liñas do seu discurso, centrado no papel das políticas públicas na loita contra o cambio climático e concretamente o uso dos impostos ambientais como instrumento para a transición verde, tendo en conta tres ideas clave: a descarbonización da economía, o prezo elevado da transición verde, e a desigualdade no proceso.