Trataranse aspectos como o valor da dieta atlántica, as vantaxes dos produtos ecolóxicos, a importancia da alimentación na infancia e no envellecemento ou a prevención de doenzas
A RAGC e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago, celebrarán a partir da vindeira semana as “XXXV Xornadas Luis Asorey”, centradas nesta edición na importancia da alimentación, o medio ambiente e a saúde. Desenvolveranse do 18 ao 27 de novembro no salón de actos da Deputación de Lugo (rúa San Marcos, 8), en horario de 19:00 a 21:00 horas. Solicitouse a homologación deste ciclo á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional como actividade de formación permanente do profesorado.
O coordinador desta iniciativa é Antonio Rigueiro, catedrático emérito da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo (Universidade de Santiago), presidente da Asociación Forestal de Galicia e membro numerario da RAGC. Salienta que “entre as misións da Real Academia Galega de Ciencias está a de divulgar a ciencia e a incorporación do coñecemento científico á sociedade, como coadxuvante do desenvolvemento socioeconómico. No marco desta misión encádranse as Xornadas Luis Asorey”.
“Seguindo a tradición de que as xornadas Luis Asorey se centren en temáticas relacionadas co campus universitario de Lugo, este ano abordamos o tema da alimentación, o medio ambiente e a saúde, aspectos relacionados con varias das titulacións que se imparten no Campus Terra. É o caso do Grao en Nutrición Humana e Dietética e o Máster Universitario en Innovación en Nutrición, Seguridade e Tecnoloxía Alimentaria (Facultade de Ciencias), Grao en Veterinaria (Facultade de Veterinaria) e Grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e Máster Universitario en Enxeñaría Agronómica (Escola Politécnica Superior de Enxeñaría), e tamén coas competencias profesionais dos egresados das mesmas” -sinala o profesor-.
“No transcurso destas xornadas afondarase en temas de interese para o alumnado, profesorado e egresados desas e doutras titulacións universitarias e preuniversitarias, e para a cidadanía en xeral, pois todos estamos preocupados pola saúde e somos coñecedores de que a alimentación e o medio ambiente teñen moito que ver con ela” -indica Rigueiro-. Así, trataranse as diferenzas e similitudes entre a dieta atlántica e a mediterránea, as vantaxes nutricionais e para a saúde dos produtos ecolóxicos, a importancia da alimentación na infancia e no envellecemento, e tamén de cara a previr doenzas endócrinas e a obesidade, a influencia da alimentación e do medio ambiente no desenvolvemento de doenzas xenéticas, ou como o monte pode contribuír a una vida sa, aportando alimentos saudables, remedios a través das plantas medicinais e facilitando o beneficioso contacto coa natureza.
Programa do ciclo
A primeira conferencia -luns 18- versará sobre a relevancia do monte e a natureza na nosa alimentación e saúde e impartiraa o catedrático Antonio Rigueiro. O 19 Rosaura Leis, catedrática de Pediatría da Universidade de Santiago e presidenta do Comité Científico da Fundación Dieta Atlántica, abordará o valor da dieta atlántica en relación á saúde e á sostibilidade. O 20 afondarase no envellecemento saudable a través da nutrición, da man da catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos da USC e membro da Academia Galega de Gastronomía Ángeles Romero. O 21 o tema será as vantaxes e diferenzas nutricionais dos alimentos ecolóxicos, a través dunha conferencia de Dolores Raigón, catedrática de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidad Politécnica de Valencia.
A semana seguinte, o luns 25 de novembro, o catedrático de Medicina Legal da USC e académico da RAGC Ángel Carracedo achegarase á relación entre a xenética, o medio ambiente e a saúde. Na xornada do martes 26, Gumersindo Feijoo, catedrático de Enxeñaría Química e vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da USC, tratará a dieta atlántica en comparación con outras dietas convencionais. Como remate do ciclo, o doutor José María de Matías, especialista en Endocrinoloxía e Nutrición do Complexo Hospitalario Universitario de Lugo, explicará o valor da dieta atlántica para a prevención da obesidade e de enfermidades endócrinas.
INSCRICIÓN para participar gratuitamente nestas conferencias.