O Consello Reitor da Agencia Estatal de Investigación (AEI), organismo adscrito ao Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, aprobou o nomeamento de José Manuel Fernández de Labastida como novo director.

Fernández de Labastida é catedrático de Física Teórica e entre os seus principais campos de investigación inclúense a Teoría Cuántica de Campos, a Teoría de Cordas, a Teoría de Nós e a Teoría Cuántica de Campos Topolóxicos. Ata agora desempeñaba o cargo de director da Unidade de “Apoio ao Consello Científico” do Consello Europeo de Investigación (ERC). De 2011 a 2021 dirixiu o Departamento Científico nesta organización.

A súa traxectoria profesional inclúe responsabilidades de xestión na Administración Xeral do Estado, onde ocupou o cargo de secretario xeral de Política Científica e Tecnolóxica, director xeral de Investigación e Xestión do Plan Nacional de I+D+I e subdirector xeral de Proxectos de Investigación. Tamén foi vicepresidente de Investigación Científica e Técnica no Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC).

Ademais, foi autor e coautor de máis de 70 publicacións científicas, liderou cinco proxectos de investigación nacionais e europeos e dirixiu cinco teses de doutoramento. Tamén recibiu a Medalla da Real Sociedad Española de Física. En 2024 foi nomeado Académico Correspondente da Real Academia Galega de Ciencias.

Share This