O profesor Carlos Pajares, académico de honra da RAGC, recibiu o Premio Lois Peña Novo, que outorga a Fundación homónima e que este ano celebrou a súa vixésimo oitava edición. Estes galardóns buscan animar o proceso de normalización lingüística no eido das administracións públicas, na vida institucional de Galicia e na sociedade en xeral. O catedrático de Física de Partículas e exreitor da Universidade de Santiago foi recoñecido polo seu impulso ao uso do galego no ámbito universitario.
O xurado destes premios destacou que o galardoado foi “o primeiro reitor democrático da USC que introduciu cambios substanciais como o fomento do uso da lingua galega no eido universitario. A pesar de non ser galego de nacencia inculturizouse na terra, defendendo os valores identitarios do país”.