A investidura de María Soledad Soengas, Ana Cebreiro, Aníbal Ollero, Manuel J. Tello e Ángel Sanjurjo celebrouse no acto de apertura do curso da institución, celebrado no Pazo de San Roque en Santiago
O académico Manuel Freire ofreceu unha lección maxistral sobre a transcendencia que a defensa inmunitaria ten para vencer as infeccións víricas como a covid
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou o martes 22 de febreiro a apertura do seu curso académico nun acto no Pazo de San Roque en Santiago de Compostela tamén transmitido pola canle de YouTube da RAGC. Asistiron ao evento o presidente da RAGC, Juan M. Lema Rodicio, outros membros do equipo de goberno e académicas e académicos da entidade. Ademais, contouse coa presenza de autoridades como o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio E. Abalde; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey; e a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo (UVigo), Belén Rubio.
Juan Lema inaugurou coa súa intervención o curso académico “con moita ilusión en poder contribuír á promoción da ciencia entre a sociedade”. Salientou que o inicio do curso é unha moi boa ocasión para facer un repaso do feito e de tomar novos pulos para os vindeiros meses, e así se manifestou coa presentación da memoria do curso 2021 onde se describe o gran número de actividades desenvoltas durante o pasado ano. “A Academia, paseniñamente, vaise introducindo cada vez con máis intensidade na sociedade científica pero tamén na sociedade civil” –manifestou–. Tamén agradeceu en nome da institución que os cinco novos académicos correspondentes aceptaran ser “os nosos embaixadores contribuíndo as nosas actividades dun xeito xeneroso e desinteresado”.
O académico numerario Manuel Freire Rama ofreceu a lección maxistral “O sistema inmunitario e a defensa das infeccións víricas”. O catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular na Universidade de Santiago (USC) presentou os compoñentes do sistema inmunitario e as súas habilidades funcionais no organismo, prestando especial atención a súa capacidade para defendernos das infeccións víricas. Describiu as características dos tecidos (médula ósea e Timo) e células inmunitarias (linfoides e mieloides). Concretou que as células inmunitarias caracterízanse por un despregue na súa membrana exterior de diversos receptores capaces de interaccionar cos elementos estraños que poidan invadir o organismo, denominados antíxenos, e que inclúen as bacterias, virus, toxinas e algúns compoñentes de células cancerosas. “A inmunidade innata ou inmediata e a inmunidade adaptativa ou adquirida son as dúas modalidades coas que o sistema inmunitario exerce a súa habilidade de defensa” –afirmou–.
Tendo en conta a situación da actual pandemia, que pon de releve a transcendencia que a defensa inmunitaria ten para vencer as infeccións víricas, Freire asegurou que é moi pertinente presentar os mecanismos mediante os que o sistema inmunitario exerce a súa habilidade para defendernos contra as infeccións, especialmente do virus da gripe e o SARS-CoV-2. Describiu as características estruturais destes virus, as súas envolturas e o seu material xenético, as peculiaridades do proceso infectivo, así como a forma na que a inmunidade innata e a adquirida proceden á eliminación destes virus, facendo referencia aos efectos perniciosos que para a saúde se derivan desta defensa antivírica. Presentou as terapias antivíricas con fármacos antivirais e vacinas, a metodoloxía para a preparación das diversas vacinas, cunha especial atención ás vacinas anti-CoVi, así como as características da evolución da inmunidade inducida no noso organismo polas vacinas.
Progreso no melanoma baseado na frase paterna: “O que fagas, faino ben, que non teña ninguén que vir detrás”
Por outra parte, a RAGC presentou aos cinco novos académicos correspondentes da institución científica: María Soledad Soengas, Ana Cebreiro, Aníbal Ollero, Manuel J. Tello e Ángel Sanjurjo. María Soledad Soengas González (Agolada, 1968), coñecida como Marisol Soengas, foi presentada polo académica numeraria María José Alonso. Soengas sinalou que este recoñecemento faina sentir orgullosa dobremente, “primeiro por valorar o impacto científico do traballo do seu laboratorio no campo do melanoma e, por outra parte, por proceder dunha entidade con tanto peso e tradición en Galicia. “A nena que naceu na Aldea do Monte na Agolada e pasaba os veráns na de Fonfría en Antas de Ulla, nunca podería ter imaxinado haber chegado ata unha Real Academia de las Ciencias”, confesou.
Botando a visa atrás, Soengas recoñeceu que este foi un camiño que non realizou soa, polo que repasou as distintas persoas que a influíron. Comezou pola familia, polo seu pai quen sempre lle dicía: “O que fagas, faino ben, que non teña ninguén que vir detrás”, e de súa nai destacou o seu carácter irredutible, o no aceptar un non por resposta e o “fai codos e ponte diante”. Tamén agradeceu de forma específica ao seu compañeiro de vida, José Antonio Esteban, “neurocientífico que soubo non só compartir, senón impulsar a miña carreira profesional”, e polo “apoio do guerreiro” ante as múltiples situacións complexas deste mundo da investigación. Nas súas lembranzas falou tamén do que supuxo na súa carreira Margarita Salas, do Centro de Biología Molecular de Madrid, e Scott Lowe, do Cold Spring Harbor Laboratory de New York, como xefes da súa tese de doutoramento e da súa estancia posdoutoural. “De Margarita aprendín o valor do rigor e a perseverancia no traballo, así como o feito da normalidade, lo que cuentan son los datos, independentemente de ser home ou muller. De Scott Lowe o concepto de ir máis alá, de buscar retos e atreverse” –asegurou–.
Finalmente, e de modo especial, agradeceu ao seu equipo de investigación no Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO) por todo o seu esforzo, xa que afirmou que son eles os responsables do seu progreso no campo do melanoma. “Identificamos factores que distinguen lesións benignas de malignas, desenvolvendo modelos experimentais únicos MetAlert que nos permiten visualizar como se inician e progresan os melanomas in vivo, definindo mecanismos que distinguen aos melanomas de máis de 25 tipos tumorais e definen así o código de barras destes tumores. Máis recentemente, descubrimos como os melanomas evaden o sistema inmunitario e como reverter esta malignidade desde un punto de vista médico”, explicou. Ademais, Soengas reivindicou a importancia da investigación básica como base para a transferencia de coñecemento a distintos ámbitos, incluída a industria farmacéutica.
Paixón polo sistema tributario
Ana Cebreiro Gómez (Ferrol, 1971) destacou a “honra, privilexio e orgullo” que supón para ela esta toma de posesión como académica correspondente, anunciada na súa presentación polo académico numerario Alberto Gago. Lembrou que xa fai unhas décadas, chegou á Facultade de Económicas e Empresariais de Santiago co obxectivo claro de prepararse para inspectora de Facenda, pero grazas a “un gran economista, profesor e amigo”, o catedrático e tamén académico da RAGC falecido en 2021, Luis Caramés, conseguiu abrir a súa mente e a súa vida a outras culturas, pensamentos e oportunidades.
Xa nunha época na que se comezaba a falar da crise do estado do benestar e da economía da saúde, Ana Cebreiro rematou os seus estudos e iniciou a súa carreira profesional fóra de Galicia, en Barcelona, Inglaterra, París, Panamá e EE.UU. onde reside na actualidade e traballa como responsable de Tributación Internacional do Banco Mundial. Empurrada pola súa paixón confesa pola facenda pública, a economista confesou que o seu propósito é intentar axudar aos países, en particular a aqueles con menos capacidade, a mellorar a súas políticas tributarias para que sexan non só máis equitativas senón tamén máis sostibles, co fin de que “o sistema tributario sexa non só unha ferramenta para xerar recadación, senón que esta recadación sexa de mellor calidade”.
Con referencia ao contexto actual, Ana Cebreiro sinalou que a pandemia da covid-19 danou de maneira significativa a senda do crecemento dos países, cunha recuperación que será desigual. “As medidas para paliar a crise abriron unha gran brecha nas finanzas públicas a nivel mundial, e hai un consenso xeral sobre o papel fundamental que o sistema tributario debe ter, en particular nun contexto de niveis de débeda nunca antes vistos. Precísase prestar atención á equidade do sistema fiscal, non só do lado dos ingresos senón tamén do gasto, coa finalidade de alcanzar un sistema fiscal máis xusto e xerar a oportunidade de construír un sistema tributario máis verde e transparente” –asegurou–.
Para alcanzar este fin, Ana Cebreiro enumerou unha serie de medidas: a distribución máis xusta dos beneficios asociados ao crecemento coa redución de barreiras para as empresas onde a dixitalización pode xogar un papel importante e a mellora da distribución da renda e riqueza; medidas para prover un ambiente de investimento máis amigable; o fomento da innovación; incentivar a participación da mocidade, das mulleres e traballadores menos cualificados no mercado laboral; e contribuír a atopar solucións a problemas globais como o cambio climático. “A política tributaria é so unha peza do crebacabezas, non ten por que ser sempre a mellor solución, e definitivamente non é a solución a todos os problemas” –engadiu–. Tamén na súa disertación animou ás nenas galegas a entrar no mundo das ciencias, crendo nelas mesmas, sen ter medo ao cambio, axudándose entre elas e tendo paixón polo que unha fai.
Investigación en robótica aérea bio-inspirada para desenvolver unha nova xeración de drons completamente autónomos, máis eficientes e seguros, baseados no comportamento dos paxaros
Trala presentación do académico numerario Pedro Merino, Aníbal Ollero Baturone (Sevilla, 1952) comezou lembrando os seus comezos como profesor universitario na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais de Vigo, naquel momento adscrita á USC, facendo tamén referencia ao Centro Avanzado de Tecnoloxías Aeroespaciais, do que é director científico, que conta con oficinas en O Milladoiro (Ames).
Fixo un percorrido pola súa traxectoria científica, destacando os seus traballos sobre robótica, control e intelixencia artificial nos anos 80 e 90, e no “Robotics Institute” da Carnegie Mellon University en EE.UU. Seguidamente, falou dos seus traballos de investigación sobre vehículos aéreos non tripulados e robótica aérea que constitúen, desde principios deste século XXI, o seu campo de especialización.
En particular, resumiu algúns resultados sobre robótica aérea de manipulación, campo que se creou hai 12 anos e que tivo un importante impacto, incluíndo a transferencia de tecnoloxías e aplicacións que permiten realizar traballos de inspección e mantemento de instalacións industriais e infraestruturas, evitando accidentes por traballos en altura, así como reducir de forma moi importante custos e tempos de execución.
Finalizou o seu discurso facendo mención ao seu traballo en robótica aérea bio-inspirada, no que se trata de desenvolver unha nova xeración de drons completamente autónomos, máis eficientes e seguros, baseados no comportamento dos paxaros, tanto no que respecta ao seu voo como ao posado e interacción física co seu contorno.
Os misterios da ciencia
Foi a quenda do catedrático de Física, considerado impulsor de candidatura para instalar en España a fonte europea de neutrones por espalación, Manuel J. Tello León (Corcubión, 1944), apadriñado polo académico numerario Félix Vidal. Ofreceu unha reflexión sobre a sutileza conceptual da ciencia e sobre a integración do coñecemento sensible (a ciencia) co coñecemento non sensible, tendo como punto de partida a perspectiva e o alcance do coñecemento captable. “Nunha viaxe, case inimaxinable, polo mundo da ciencia descubrimos que o seu universo é inmenso, que todo se constrúe seguindo leis inmutables, e que esas leis parecen ser matemáticas” –enunciou–. Segundo estas leis, Tello enumerou unha serie de teorías que explican o coñecido e permiten facer predicións, xa que a diferencia da verdade espida, apuntou que o Universo, desde a súa xénese, escribiu na súa historia unha verdade única –infalible e inmutable–, aínda que pragada de enigmas e misterios e, por tanto, de incertezas. “Esta posibilidade de misterios en ciencia sempre me estimulou a dedicar algún tempo á busca de argumentos que me permitiran encaixar a ciencia dentro dunha visión integral do home” –sinalou–.
Falou do “Discurso do Método” de Descartes onde introduce o razoamento analítico, os “problemas de Hilbert” e o teorema de Kart Gödel no que se conclúe que a indecidibilidade afecta á consistencia do sistema, é dicir, que é indemostrable a ausencia de contradición. “Unha ciencia experimental como a física pode, para avanzar, obviar esta conclusión, pero nunca poderá asegurarse que, no seu avance, non se contradirá a si mesma. Metaforicamente pódese dicir que a ciencia experimental descansa sobre un acto de fe, respaldado polos experimentos, pero sen valor absoluto. En definitiva, todo parece indicar que unha teoría nunca poderá ser completa e consistente á vez. Unha teoría da natureza non pode nunca ser final” –argumentou–.
Outro liña reflexiva máis moderna para chegar por outro camiño ao todo ten a súa orixe na busca de máquinas que cheguen a pensar. Neste punto, Tello sinalou que se existe o libre albedrío nunca poderán existir ordenadores plenamente intelixentes, que non serán capaces de dar resposta a unha situación imprevista. Tamén falou do cientismo, que sostén que calquera problema, formulado cientificamente, ten ou terá solución e que a ciencia poderá responder a todas as preguntas.
“Penso que o cientismo abócanos, inexorablemente, a un totalitarismo cultural e, por exemplo, se se elimina o libre albedrío desaparece a responsabilidade ética” –asegurou–. Igualmente, enunciou a teoría do todo, “o feitizo da sabedoría total”. En definitiva, Tello manifestou que na busca dunha resposta ao sentido da vida inciden dúas sabedorías: o anhelo de comprender o carácter obxectivo da natureza –o maxisterio da ciencia– e a necesidade de definir o significado das nosas vidas xunto a unha base moral para as nosas accións.
Ángel Sanjurjo, director emérito do Stanford Research Institute
Finalmente, o presidente de Honra da RAGC, Miguel Ángel Ríos Fernández, deu paso coas súas palabras ao último ingreso da xornada coa incorporación como académico correspondente de Ángel Sanjurjo Bermúdez(Xermade, 1945). Sanjurjo agradeceu á Academia a súa elección para formar parte deste grupo ilustre. “A academia ten unha resonancia especial para min, xa que varios dos meus profesores foron impulsores orixinais da entidade, como Vidal Abascal e Luis Iglesias; membros como Vidal Costa; e outros obxecto de homenaxe por parte da institución, como Tomás Batuecas e Ignacio Ribas.
“Teño que agradecer de forma especial o impacto que Miguel Ángel Ríos tivo na miña carreira, e na de moitos outros compañeiros. Ríos guiounos e axudounos en todos os aspectos da tesina e a tese de doutoramento, non só na parte científica, senón que tamén se converteu nun modelo de dedicación á educación, investigación e participación noutras actividades universitarias, ademais de contribuír ao desenvolvemento científico de Galicia como conselleiro da Xunta. Creo que todos os galegos, incluíndo os que vivimos fóra, debémoslle unha medida cuántica de gratitude a Miguel Ángel” –manifestou–.
Tamén fixo memoria e agradeceu a moitos outros mentores da USC que impactaron na súa carreira, como os profesores F. Bermejo, J. Ocón, Lisardo, Espada e Bao. Recoñeceu ademais o traballo da Fundacion Barrié de la Maza que aportou o primeiro computador na USC. Así mesmo lembrou ao profesor Miguel Ángel Herráez Zarza que o orientou na súa investigación tratando de adaptar teorías cuánticas á determinación de propiedades moleculares, aspecto que se converteu nunha das ferramentas máis poderosas para entender propiedades e procesos químicos e bioquímicos.
Dedicou un momento para agradecer a Ramón Masaguer e Díaz de Rabago S.J. polo seu impulso na ensinanza a distancia asistida por computador que o axudaron na súa conexión co Stanford University para acabar traballando e dirixindo os laboratorios de Ciencias de Materiales do Stanford Research Institute (actual SRI International), onde se resolveron problemas relacionados coa enerxía solar e nuclear, a purificación de auga e aire, produción de metais e aplicacións optoelectrónicas, con máis de 40 patentes ao seu nome. “Tiven o privilexio e a oportunidade de traballar en máis de 200 proxectos interdisciplinarios por preto de medio século” –apuntou–.
Pódese ver o evento na canle de YouTube da RAGC