María José Alonso Fernández, académica numeraria da RAGC na sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde, acaba de ser nomeada Doutora “Honoris Causa” pola Universidade de Nottingham. A investigadora manifesta sentirse “moi honrada e agradecida” por este recoñecemento á súa magnífica traxectoria por parte da institución británica.
A homenaxeada, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago de Compostela, traballou en centros internacionais tan prestixiosos como a Universidade de París-Sur e o Instituto Tecnolóxico de Massachussets (MIT). É autora de máis de 300 publicacións científicas e impulsora de máis dunha vintena de patentes, a maioría transferidas á industria farmacéutica. Foi recoñecida no Top Ten en Farmacoloxía polo “Times Higher Education international ranking” (2010) e como unha das investigadoras máis influentes no mundo no ámbito da Biofarmacia (The Medicine Maker, 2020).