A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) reuniu este martes de xeito virtual a máis de 200 persoas para escoitar a algúns dos meirandes expertos en Galicia en diferentes materias, que abordaron a crise da Covid-19 dende diversas perspectivas, e analizar as ‘Leccións Aprendidas’ nesta pandemia dende eidos como a epidemioloxía, a viroloxía ou a intelixencia artificial, pasando pola busca dunha vacina ou de novos fármacos.
O seminario virtual levou por título “Leccións aprendidas e perspectivas na crise da Covid-19” e nel tomaron parte, ademais do presidente da RAGC, Juan M. Lema, os investigadores Jesús López Romalde, Benito Regueiro, María José Alonso, Juan Gestal, Juan J. Nieto, Senén Barro e Luis Caramés.
O encontro desenvolveuse a través da plataforma Microsoft Teams, nunha cita que reuniu nunha soa sesión boa parte do coñecemento científico e os retos que enfronta Galicia dentro do contexto mundial da pandemia.
O Profesor Jesús López Romalde salientou o orixe “zooxénica do virus, desbotando a posibilidade da produción artificial do virus. Tamén que ó ser un virus “envolvido” dispón dunha capa externa o que lle fai ser máis resistente. Indicou que o seguimento da carga vírica nas augas residuais pode resultar unha ferramenta valiosa para a determinación da circulación do virus.
A investigadora María José Alonso, catedrática de Farmacoloxía da USC, explicou o traballo que realizan para desenvolver unha vacina, que asegurou que non poderá estar dispoñible “antes dun ano ou ano e medio”. Están a desenvolver un protocolo mediante nanopartículas que permitan mellorar a dosificación. Indicou que xa hai varias multinacionais que teñen preparado o sistema produtivo para comezar a produción a gran escala, unha vez que se dispoña da vacina. Con todo, detallou que os prazos estanse apurando o máximo posible para que chegue canto antes.
O catedrático emérito Juan Gestal, experto en Medicina Preventiva e Saúde Pública, indicou que se seguiu unha táctica errónea “ó seguir só ós sintomáticos”. Abordou como afrontar as difíciles decisións das vindeiras semanas e meses, e se amosou convencido de que o virus volverá no outono, “pero estaremos mellor preparados”. Gestal expuxo a recomendación de facer un seguimento exhaustivo de posibles rebrotes. Puxo en cuestión o interese de desinfectar as rúas e aboga polo uso intensivo das mascarillas no período de desescalamento e seguir so distanciamento físico.
O xefe do servizo de Microbioloxía do CHUVI e catedrático da USC Benito Regueiro explicou os usos que se dan aos ‘kits’ de coronavirus e amosou as precaucións que deben tomarse en Galicia ante unha posible segunda onda epidémica: “Cremos que a circulación do virus foi moi baixa e iso é preocupante porque boa parte da poboación non desenvolveu anticorpos”. Indicou que na área sanitaria de Vigo se realizaron un moi importante número de test e apoia a idea de facer un mapeo masivo en Galicia mediante o programa impulsado polo Sergas.
Desde o punto de vista da predición matemática, o catedrático da USC Juan José Nieto Roig, autor dun modelo que anticipou o cumio da epidemia en Galicia a comezos de abril, incidiu na necesidade de mellorar a precisión das futuras predicións. “Todo que vaiamos sabendo a partir de agora fará máis precisos estes modelos”. Ante isto, sentenciou, “só me atrevo a asegurar que non sabemos o que vai suceder”. En todo caso os modelos desenvolvidos permitiron prever, con dúas semanas, ó pico do brote en España para a primeira semada de abril.
Pola súa banda, Senén Barro, catedrático de Ciencias da Computación da USC e experto en Intelixencia Artificial, expuxo as vantaxes que o tratamento masivo de datos e a IA poden achegar á loita contra a pandemia. E repasou algunhas tecnoloxías que poden axudar como as de xeolocalización en interiores para controlar a apertura tras do confinamento ou unha nova app que podería diagnosticar a Covid-19 a través do teléfono móbil polo son producido pola nosa tose. Informou sobre os programas desenvolvidos por Apple e Google para incorporalos ó sistema operativo dos móviles, o que permitiría (co consentimento do usuario) a súa xeolocalización.
Alén das ciencias da saúde ou a computación, o desafío tamén é enorme nas ciencias sociais, como a economía. Neste senso, Luis Caramés, académico da RAGC e catedrático de Economía Aplicada da USC, anticipou que “o shock da economía en España pode ser maior polo ‘monocultivo’ do turismo que se fomentou”, o que deu pé a un tecido “pouco innovador” no país. Caramés amosouse partidario dun “ingreso mínimo temporal” que poida servir de incentivo á volta ao mercado laboral e evite posibles conflitos sociais, “xa que pode haber xente que teña problemas para comer” no contexto de paralización económica.