Jorge Martínez-Vázquez
Doutor en Economía pola Universidade de Washington
Jorge Martínez-Vázquez (Vilagarcía de Arousa, 1948), licenciado en Economía e Dereito pola Universidade de Barcelona e en Ciencias Políticas pola Universidade Complutense de Madrid, obtivo o seu doutoramento e mestría en Economía na Universidade de Washington. É Profesor Emérito de Economía na Universidade Estatal de Xeorxia e director fundador do Centro Internacional de Políticas Públicas.
Ao longo da súa traxectoria profesional publicou máis de 25 libros e centos de artigos en revistas académicas, como Econometrica ou o Journal of Political Economy. Ten dirixido e participado en proxectos de reforma fiscal en máis de 95 países, incluídos China, Rusia, Paquistán, Arxentina, Sudáfrica, Indonesia ou México. Con regularidade asesora ao Banco Mundial, ao Banco Asiático de Desenvolvemento, ao Banco Interamericano de Desenvolvemento e ás Nacións Unidas. Ademais, é membro do panel de asesores fiscais do Fondo Monetario Internacional.
Ten recibido numerosos premios e galardóns, entre eles o Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo. Dirixiu ou participou en máis de cen teses de doutoramento.