O investigador do CiMUS da Universidade de Santiago, José Tubío, falaron da xenómica do cancro, e o investigador do Institute for Research in Biomedicine de Barcelona, Manuel Serrano, analizou o proceso biolóxico da senescencia celular do que é un dos seus descubridores

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación da Coruña, coa colaboración da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), iniciaron o martes, 6 de xullo, o Ciclo de Conferencias Avances en Ciencia e Tecnoloxía que nesta XXIV edición está centrado nos “Avances recentes no coñecemento do cancro: bases moleculares e aplicacións á clínica”. As charlas celébranse en formato semipresencial do martes 6 ao venres 9 de xullo, presencialmente no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela (rúa San Roque, 2) e por streaming en horario de tarde.

O presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio, inaugurou o ciclo ás 18:45 horas acompañado polo seu coordinador Xosé R. Bustelo, vicedirector do Centro de Investigación del Cáncer de Salamanca e Coordinador do Programa de Mecanismos de Progresión Tumoral do Centro de Investigación Biomédica en Rede do Cancro, membro da presidencia da Asociación Española de Investigación sobre el Cáncer (ASEICA) e académico correspondente da Sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da RAGC.

Nesta primeira xornada celebraranse dúas conferencias, ambas moderadas pola investigadora do CiMUS Clara Álvarez Villamarín. A primeira foi presencial ás 19 horas e versará sobre a “Xenómica do cancro. Que é e que estamos aprendendo con ela” que impartiu José Tubío, investigador do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela.

Nesta charla, o Dr. Tubío deu información sobre as estratexias que se están a empregar para secuenciar o xenoma dos tumores e a caracterización posterior das súas alteracións xenéticas. Tamén fixo unha achega á información que podemos obter destes datos sobre a orixe e evolución dos diferentes tipos de cancro. Entre estes datos encóntranse a detección dos procesos mutacionais, tanto internos coma externos, das células que provocan as alteracións xenéticas que promoven o cancro, as alteracións mínimas que se requiren para que unha célula pase de ser normal a unha tumoral, así como o grao de acumulación progresiva no tempo de mutacións adicionais. Esta información, da que o Dr. Tubío foi actor principal, está iluminando con precisión todos os procesos xenéticos que determinan a orixe, evolución e comportamento clínico dos tumores.

A segunda sesión do día foi en formato online ás 20 horas e tratará sobre a “Senescencia celular e cancro” a cargo do investigador do Institute for Research in Biomedicine (IRB) de Barcelona, Manuel Serrano.

A senescencia celular é un proceso biolóxico que está intimamente asociado ao desenvolvemento do cancro e outras enfermidades. Cando se descubriu, pensouse que supoñía unha primeira liña de defensa contra as células tumorais do noso organismo. Desde aquela, sen embargo, descubriuse que este proceso é moito máis polifacético, posto que nalgúns casos tamén pode favorecer o cancro por procesos patolóxicos que agora mesmo se están a desentrañar. O Dr. Serrano, un dos descubridores deste proceso, deu nesta charla unha visión histórica sobre a evolución do coñecemento deste proceso biolóxico, dos seus papeis no cancro e sobre as novas aproximacións terapéuticas que se están a desenvolver para manipular este proceso no contexto do cancro e outras enfermidades.

Como o seu título indica, o ciclo Avances quere dar unha panorámica xeral sobre os avances recentes no cancro cun carácter altamente divulgativo. Intentarase nelas dar información recente sobre técnicas e mecanismos moleculares que median a orixe, progresión e respostas clínicas do cancro. Tamén se ofrecerá unha visión de como estes avances teñen un traslado importante á práctica clínica no ámbito do diagnóstico, tratamento e o desenvolvemento da medicina personalizada.

Todos os participantes poderán solicitar certificado de asistencia. O prazo de inscrición para participar gratuitamente en todas as conferencias está aberto na plataforma Zoom:

https://us02web.zoom.us/webinar/register/WN_LGNm1oMlQn6WcMc8rmzX_Q

Share This