Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2020.- A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou esta tarde no Pazo de San Roque (Santiago) o acto de ingreso de Minia Manteiga Outeiro, catedrática de Astronomía e Astrofísica da Universidade da Coruña (UDC), que se integra na Sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación da institución. O discurso de toma de posesión da nova académica numeraria versou sobre “Gaia: o primeiro censo de estrelas da Vía Láctea en 6 dimensións”.
Ao longo deste 2020, outros catro académicos numerarios ingresarán na RAGC. Trátase do arquitecto César Portela, o oceanógrafo Fiz Pérez, o economista Alberto Gago e a química Isabel Medina.
Ao acto desta tarde asistiron, entre outros, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o vicerreitor de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago, Vicente Pérez Muñuzuri; o director do Campus do Mar da Universidade de Vigo, Daniel Rey; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey; a directora da Axencia de Coñecemento en Saúde, Beatriz Allegue; e o coordinador institucional do CSIC en Galicia, Antonio M. de Ron.
Minia Manteiga (Negreira, 1963) converteuse na primeira muller catedrática de Astrofísica de Galicia no ano 2018. É especialista en evolución estelar, astrofísica espacial e Big Data Astronomy. Actualmente exerce como docente na Escola Superior de Náutica e Máquinas da UDC e anteriormente, entre os anos 1994 e 1999, impartiu clase na Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo.
Realizou a súa formación doutoral no Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC) e a postdoutoral no Instituto dei Astrofísica Spaziale (Frascati-Roma, Italia) e no Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA, Madrid).
Actualmente forma parte do consorcio internacional DPAC –que procesa e analiza os datos do satélite Gaia da ESA– con responsabilidade nos paquetes de traballo de clasificación e parametrización das fontes astronómicas.
No ano 2017 foi profesora visitante bolseira do programa Fulbright no Departamento de Física e Astronomía da Universidade Johns Hopkins (EE.UU.) e en 2019 foi investigadora visitante bolseira polo programa Severo Ochoa no IAC. Colaboradora da Axencia Estatal de Investigación (AEI) na área Fisica/Espazo, onde exerceu como responsable da área de Recursos Humanos de Físicas os anos 2018 e 2019. Presidenta do Grupo de Astrofísica da Real Sociedade Española de Física e membro da súa xunta directiva entre 2001 e 2008. Membro numerario da Sociedade Española de Astronomía desde a súa fundación, da Unión Astronómica Internacional (IAU) e da Sociedade Europea de Astronomía (EAS).
É autora de máis de 150 artigos, capítulos de libro e comunicacións en congresos internacionais. Ata o de agora participou en 17 proxectos de investigación financiados con fondos públicos, en 9 deles como investigadora principal, dos que varios recibiron o respaldo da UE.