Destacou a necesidade de facer un aproveitamento racional da biomasa vexetal infrautilizada, incorporando compostos bioactivos e disolventes benignos demandados polos sectores alimentario, cosmético e farmacéutico
A catedrática de Enxeñaría Química, natural do municipio ourensán de San Xoán de Río, pronunciou o seu discurso nun acto celebrado hoxe no Pazo de San Roque en Santiago
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou onte, no Pazo de San Roque de Santiago, o acto de ingreso da catedrática de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo (UVigo) no Campus de Ourense, Herminia Domínguez González (San Xoán de Río, 1965). Intégrase na institución como académica numeraria da Sección de Ciencias Técnicas. Pronunciou o seu discurso de ingreso “Biorrefinerías, multifactorías verdes”, que foi contestado en nome da Academia polo membro numerario da Sección de Ciencias Técnicas, o catedrático emérito de Ciencias dos Materiais e Enxeñaría Metalúrxica da UVigo Pedro Merino Gómez.
O presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio, inaugurou o acto ao que asistiron outros académicos da institución, así como o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade da Universidade de Santiago (USC), Gumersindo Feijoo; o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña (UDC), Salvador Naya; e a vicerreitora do Campus de Ourense da UVigo, María Esther de Blas; entre outras autoridades.
O presidente da RAGC deu a benvida á institución á profesora Herminia Domínguez, “unha persoa brillante, aínda que modesta nas formas, con ilusión no seu traballo, que sabe crear no seu arredor unha atmosfera de traballo amable, eficiente e eficaz”. Destacou que a nova académica ven enriquecer a sección de Ciencias Técnicas e ao conxunto da Academia, sendo ademais a primeira muller académica desta sección e a primeira procedente do Campus de Ourense. Lema quixo sinalar tamén que para el é unha satisfacción especial o ingreso de Herminia xa que tivo a honra de axudala nas primeiras etapas da súa carreira investigadora, naquel momento centrada na extracción de aceite de sementes de xirasol ou soxa sen empregar disolventes orgánicos, “un traballo orixinal, visionario e ambicioso, que mesmo mereceu o II Premio Europeo IQS Industrial Enzyme Applications, e premonitorio do que sería unha brillantísima traxectoria investigadora”.
Tamén Juan Lema lembrou os inicios de Herminia Domínguez no Campus de Ourense, formando equipo co profesor Juan Carlos Pajaró ata o día de hoxe para dar forma a unha carreira investigadora que situou a Facultade de Ciencias de Ourense nunha esfera internacional de gran relevancia. “O tándem entre Herminia e Carlos foi un motor que permitiu lanzar proxectos, dotar de infraestruturas e formar un moi significativo número de científicos e tecnólogos que están a ter un moi importante desenvolvemento profesional. Desenvolver o seu traballo nun dos chamados campus periféricos non foi unha eiva, senón un reto que souberon vencer brillantemente” –asegurou–.
Herminia Domínguez: “Debemos ampliar e aplicar os coñecementos científicos que permitan desenvolver tecnoloxías máis limpas e eficientes para o fraccionamento e a conversión da biomasa renovable nas futuras biorrefinerías”
“A natureza é unha cadea de xeración continua de produtos químicos, cosméticos, farmacéuticos, materiais e combustibles” –afirmou Herminia Domínguez–. A nova académica centrou a súa disertación na necesidade de facer un aproveitamento racional e completo da biomasa vexetal, especialmente da que está infrautilizada ou da que se considera un residuo, para “avanzar cara a sostibilidade” non só porque reduce o seu impacto medioambiental, senón porque pode converterse nunha materia prima renovable, “contribuíndo á xeración de riqueza local”.
Segundo explicou, os procesos baseados no concepto de biorrefinería, como ferramenta clave para a economía circular, permiten a obtención sostible de diversos produtos, materiais e enerxía, nunha alternativa aos procedentes de fontes non renovables. “É necesario progresar no desenvolvemento de procesos ecoeficientes, flexibles e válidos para distintas escalas de operación, posto que as biorrefinerías actuais aínda non teñen o grao de madurez das refinerías baseadas en recursos fósiles, que xa foron optimizadas no pasado século” –sinalou–.
Para preservar o valor dos recursos, Herminia Domínguez salientou que actualmente incídese no interese de incorporar, nas primeiras etapas das biorrefinerías, a extracción e valorización de diversos compostos bioactivos con demanda crecente nos mercados alimentario, cosmético e farmacéutico. Tamén apuntou que o desenvolvemento tecnolóxico será decisivo neste campo, particularmente co emprego de disolventes benignos e de ferramentas de intensificación de procesos que permitan maior selectividade con menos gasto enerxético, preservando as propiedades dos produtos.
Herminia Domínguez ofreceu desde a tribuna do Pazo de San Roque unha reflexión optimista baseada no privilexio que supón estar en Galicia, unha terra chea de excelentes recursos renovables e na que se dispón de experiencia e imaxinación para desenvolver novos produtos, ademais de coñecer ou levar como herdanza inconsciente a importancia do aproveitamento integral dos recursos. “Debemos ampliar e aplicar os coñecementos científicos que permitan desenvolver tecnoloxías máis limpas e eficientes para o fraccionamento e a conversión da biomasa renovable nas futuras biorrefinerías. Estes avances permitirannos abordar con éxito os retos actuais para construír un futuro máis sostible” –engadiu–.
Finalmente, Herminia Domínguez agradeceu o privilexio extraordinario de ser académica á Real Academia Galega de Ciencias, ademais de lembrar con agarimo á súa familia, aos investigadores cos que se formou e traballou durante estes anos, aos seus compañeiros da Facultade de Ciencias e do Campus Auga do Campus de Ourense da UVigo, aos compañeiros do Departamento de Enxeñería Química e aos compañeiros de Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO).
Pedro Merino: “Acredita unha extraordinaria traxectoria científica, tanto pola súa contribución á creación de coñecemento e capacidade de formación como polo impacto da súa investigación e capacidade de transferencia”
O académico Pedro Merino deu resposta, honrado e agradecido por esta designación da RAGC, á disertación de Herminia Domínguez. Merino comezou explicando que Herminia sempre manifestou que lle gustaba a química porque lle permitía coñecer o fundamento de moitos fenómenos cotiás e a enxeñaría química porque a achegaba ao xeito práctico de facer cousas útiles. Partindo desta premisa, Merino tentou facer unha síntese do extenso e excelente currículo de nova académica, que posúe unha elevada produción científica con 270 publicacións en revistas de alto impacto, cun índice h de 55 na base de datos Scopus, un impacto ponderado de citas no seu campo de 1,51 e unha porcentaxe do 42,1% de publicacións dentro do percentil do 10% das revistas máis citadas. Ademais, Merino salientou que Herminia Domínguez está incluída na base de datos da Universidade de Stanford, dentro do 2% dos investigadores máis altamente citados. Participa ininterrompidamente en proxectos de investigación de ámbito estatal, europeo e bilateral así como en contratos co sector privado, exercendo como investigadora principal en máis de 30 deles. É autora de 9 patentes rexistradas, a meirande parte delas relacionadas coa calidade alimentaria. En canto a súa actividade formativa, titorizou a numerosos estudantes pre-doutorais e post-doutorais e dirixido 15 teses de doutoramento.
Pedro Merino enunciou as liñas de investigación seguidas pola académica durante a súa traxectoria, desde a aplicación de enzimas comerciais para a extracción de aceitas de sementes oleaxinosas, o aproveitamento das fraccións de pentosas, o emprego da auga como disolvente e único reactivo para a extracción, ata o aproveitamento de materiais e compostos de interese nutricional, cosmético ou farmacéutico obtidos a partir de algas ou biomasa vexetal de orixe residual ou infrautilizada. En resumo, Pedro Merino apuntou que o seu campo é o desenvolvemento de procesos, independentemente das materias primas e dos produtos, seguindo modelos de economía circular.
“A profesora Herminia Domínguez acredita unha extraordinaria traxectoria científica, tanto pola súa contribución á creación de coñecemento e capacidade de formación como polo impacto da súa investigación e capacidade de transferencia. Como resultado dos seus traballos, está a ser recoñecida coma unha das investigadoras de máis prestixio no seu campo” –afirmou–.