A RAGC premia unha investigación que abre novas portas á terapia con
células nai e o descubrimento dun novo tipo de estrelas ricas en fósforo
Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2020.- O traballo científico distinguido co Premio de Investigación 2020 da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), dotado con 6.000 euros, céntrase no descubrimento dunha ferramenta para a reprogramación celular que abre novas portas ao estudo e ao tratamento de enfermidades coma o cancro e as doenzas autoinmunes. O equipo galardoado está liderado polo Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e conta coa participación de grupos científicos de Reino Unido, Estados Unidos, China, Australia e Canadá.
O proxecto premiado na categoría de investigadores mozos, dotado con 2.000 euros, é para un investigador do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (UDC) que participou de xeito determinante no descubrimento dun tipo de estrelas descoñecidas ata agora: as estrelas ricas en fósforo.
AA elección dos galardoados vén de ser aprobada en pleno pola RAGC, que distinguiu tamén con mencións honoríficas a investigadores da Universidade de Vigo (UVigo) e da USC. Os premios serán entregados durante a celebración do Día da Ciencia en Galicia, o vindeiro 8 de outubro. Os galardóns, que chegan este ano á súa vixésimo novena edición, levan o nome Premios de Investigación Ernesto Viéitez.
A chave para despregar o potencial terapéutico das células nai
O equipo galardoado co Premio de Investigación, outorgado a científicos sénior, está liderado polos grupos de Epitranscriptómica e Envellecemento e de Células Nai e Enfermidades Humanas do CiMUS. Coordinado polos investigadores Diana Guallar e Miguel Fidalgo, o proxecto supón un fito no campo do uso terapéutico das células nai, concretamente das células nai pluripotentes inducidas (iPSC).
Este tipo de células nai son células adultas reprogramadas para actuar de xeito similar ás células nai embrionarias, das que se coñece amplamente o seu potencial terapéutico en enfermidades que implican o deterioro celular pola súa capacidade natural para perpetuarse de maneira ilimitada e replicar calquera célula dun organismo adulto. A vantaxe que ofrecen as iPSC é que, estimuladas do xeito correcto, poden facer o mesmo papel de reparación de tecidos humanos danados que as embrionarias, evitando os problemas éticos asociados á destrución de embrións para obtelas.
O equipo liderado polo CiMUS descubriu os mecanismos desa correcta estimulación, identificando que as modificacións químicas en moléculas de ARN (ácido ribonucleico, coñecido coma o mensaxeiro do ADN) son esenciais para reprogramar ese tipo de células nai. En concreto, a súa investigación conclúe que ese tipo de modificacións son inducidas por unha proteína denominada ADAR1, necesaria para obter células con potencial en medicina rexenerativa.
Este foi o primeiro estudo liderado por investigadores galegos que logrou a súa publicación na prestixiosa revista científica Cell Stem Cell, a máis relevante a nivel mundial no campo das células nai e unha das máis destacadas en ciencias da vida. O seu principal valor radica en que supón un antes e un despois na superación dos retos existentes no uso terapéutico eficiente e seguro das células nai pluripotentes inducidas.
A orixe do fósforo na nosa galaxia
O investigador do CITIC Raúl Santoveña é distinguido co premio para investigadores mozos, no que se recoñece o traballo de científicos menores de 30 anos. O xurado elixiu o proxecto no que Santoveña contou coa colaboración do Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC).
O seu traballo, publicado o mes pasado na prestixiosa revista Nature Communications, baséase no descubrimento dun novo tipo de estrelas moi ricas en fósforo, o que podería desvelar a orixe deste elemento fundamental para a vida na Terra, dado que a práctica totalidade dos elementos químicos do universo se producen no interior das estrelas. O fósforo, xunto co carbono, o nitróxeno, o osíxeno e o azufre, é fundamental para o desenvolvemento dos seres vivos: forma parte das moléculas do ADN e do ARN e é imprescindible para o intercambio enerxético nas células e o desenvolvemento das súas membranas.
Ata o de agora a orixe da súa presencia e cantidade na galaxia era un misterio, pero a alianza entre os astrónomos do IAC e o equipo do CITIC liderado por Santoveña abriu unha ventá para desentrañalo. Segundo os resultados obtidos, o máis probable é que o fósforo proveña da contaminación ocorrida na nube protoestelar na que se formaron estas estrelas.
O estudo galardoado caracteriza as propiedades físicas e químicas deste tipo de estrelas decoñecidas ata agora. Tanto o seu descubrimento como a súa caracterización precisaron do uso de minería de datos sobre centos de miles de observacións no espazo. Para iso foi determinante o desenvolvemento por parte do CITIC dun axente informático –baseado en tecnoloxías big data– capaz de recoñecer os trazos propios das liñas espectrais do fósforo que permitiron identificar estas particulares estrelas.
Mencións honoríficas
En ambas as dúas categorías foron outorgadas mencións honoríficas. No caso do premio a investigadores sénior, o recoñecemento recaeu no enxeñeiro Jesús Balado, do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade de Vigo. Balado desenvolveu un método para minimizar o uso de mostras en nubes de puntos para o adestramento de redes neuronais capaces de clasificar dixitalmente obxectos urbanos –tales como bancos, colectores de lixo ou semáforos– cun 99,5% de precisión.
Na categoría de investigadores mozos, outorgóuselle tamén unha mención honorífica a Esteban Suárez, do grupo Nanobiomol do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC. O seu traballo supón un salto cualitativo no campo dun tipo de polímeros denominados helicoidais sintéticos, xa que permite desenvolver novos nanomateriais cun comportamento multifuncional e interesantes propiedades aplicables á biomedicina e ás TIC, como a encapsulación de substancias e o desenvolvemento de sensores.