O noso compañeiro Fernando Pérez González, académico numerario da Sección de Ciencias Técnicas da RAGC, recibiu onte o II Premio Galicia á Innovación e Deseño na categoría de “Traxectoria Innovadora” da Axencia Glega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia.
Ademais dun brillante investigador, Fernando foi promotor e primeiro director do centro tecnolóxico Gradiant. Parabéns!
Entrega de premios: https://www.youtube.com/watch?v=HVxS7iV5_N0 (53′)
Currículo do premiado
Fernando Pérez González é doutor Enxeñeiro de Telecomunicación pola Universidade de Vigo (1993) e catedrático do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo (2000).
É “Research Professor” no Electrical and Computer Engineering Department da University of New Mexico (UNM), onde durante 2009-2011 foi titular da Cátedra Príncipe de Asturias en Ciencia da Información e Tecnoloxías Relacionadas. Xestor da Área de Tecnoloxía Electrónica e de Comunicacións do Ministerio de Ciencia e Innovación (2007-2010). Impulsor do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (GRADIANT), do que foi primeiro Director Xeral (2007-2014).
As súas áreas de interese investigador céntranse nas comunicacións dixitais, algoritmos adaptativos, watermarking e forensia e seguridade da información. Publicou máis de 250 artigos en revistas e actas de conferencias internacionais e é coautor de 15 patentes. Foi investigador principal de múltiples contratos coa industria e de proxectos europeos dos programas marco. Recibiu varios premios á innovación e ao emprendemento empresarial, así como a varios dos seus artigos científicos. Desde 2017 é Editor Xefe da revista EURASIP Journal on Infomation Security. É Fellow do IEEE (Instituto de Ingenieros Eléctricos y Electrónicos) de EE.UU. polas súas contribucións á Seguridade Multimedia.