O 6 de xuño finou en Lugo, moi inesperadamente, o profesor Caramés, académico de número desde 2015 e presidente da Sección de Ciencias Económicas e Sociais da RAGC. Nado en Cerdedo (Pontevedra) en 1949, Luis Caramés Viéitez foi catedrático de Facenda Pública da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Acreditou unha longa e moi frutífera vida académica, sendo mestre dunha parte moi relevante dos economistas galegos.
Foi director do Departamento de Economía Aplicada e decano da Facultade de Ciencias Económica e Empresariais da USC. Autor de numerosas publicacións, algunha delas referenciais como “Los efectos del gasto público sobre el crecimiento económico: El caso de las comunidades autónomas” ou “Economía pública local”. Era editor de varias revistas nacionais e internacionais. No plano académico, tivo sempre unha grande influencia en diversos países de América Latina.
Tivo unha intensa vida profesional ao servizo da sociedade. Foi o director do Plan Estratéxico da Cidade de Santiago de Compostela, presidente do Consello Galego de Relacións Laborais e membro do Padroado da Fundación Araguaney-Puente de Culturas. Era promotor e presidente do Grupo Manuel Colmeiro, un grupo de análise e debate do que forman parte distinguidos economistas e sociólogos galegos, entre os que se atopan os académicos José Ramón Cancelo e José Antonio Redondo. Como presidente da Fundación Belarmino Fernández, entre os seus proxectos máis ilusionantes estaba a creación dun centro avanzado de formación en hostalaría e enoloxía en Sober, unha iniciativa para a dinamización económica e social da Ribeira Sacra.
Nesta labor de concienciación social cómpre destacar o seu intenso traballo xornalístico en moitos medios, entre eles El Correo Gallego e La Voz de Galicia dos que era colaborador habitual, pero tamén en medios españois como ABC, El País, Expansión, etc.
Tamén no sector empresarial deixou unha fonda pegada, tendo sido conselleiro de Sacyr e vicepresidente de Adolfo Domínguez.
O seu traballo na RAGC, como membro da Xunta de Goberno, foi moi dinámico e, entre outras actividades foi o director do curso “Economía e Moda” impartido no ano 2020, e participou nos seminarios sobre os impactos económicos da covid-19.
Desde a RAGC transmitimos o noso fondo pesar a súa familia. Nós, ímolo botar moito en falta.