O Pazo de San Roque de Santiago de Compostela acolleu este luns o acto de entrega da sexta edición do Premio Contar a Ciencia-la Caixa que convoca a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), e patrocina Obra Social la Caixa. A estudante de Xornalismo da USC Marta Otero Mayán foi a gañadora do certame grazas á reportaxe Unha app para coidar a quen coida, un traballo no que conta desde un enfoque persoal un proxecto do Grupo de Investigación en Saúde Mental e Psicopatoloxía da USC para previr a depresión en coidadores de persoas dependentes. Marta Otero recibiu o premio (500 euros en metálico e un smartphone IoxPhone P1 de Primux) de mans do presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Manuel Lema Rodicio. Na súa intervención, Otero agradeceu ás entidades que fan posible o Premio “Contar a Ciencia-la Caixa” por dar a oportunidade aos mozos e mozas estudantes de Comunicación de achegarse á divulgación científica e dar a coñecer os seus traballos ao público.
No acto, conducido polo director de GCiencia, Eduardo Rolland, tamén recibiron o seu recoñecemento os finalistas, que recolleron cadanseu diploma e agasallo. Andrea Varela e Miriam Álvarez, estudantes de Comunicación Audiovisual da UVigo, desenvolveron un dos traballos finalistas, Scuba Cancers: así é a loita contra o cancro transmisible en bivalvos. Recibiron o premio de mans de José Alberto Díez de Castro, Secretario Xeral de Universidades.
A outra finalista foi Alba Tomé Sueiro, graduada en Xornalismo pola USC, coa súa reportaxe Como gañar o que che quita o Parkinson. Fíxolle entrega do seu premio Anxo Pérez Romariz, responsable de Comunicación e Relacións Exteriores de Caixabank en Galicia. As autoras dos traballos foron obsequiadas cun equipo de altofalantes portátiles Sk-21 de Primux.
Á entrega do VI Premio “Contar a Ciencia-la Caixa”, asistiron representantes do eido académico, cultural e político de Santiago de Compostela e Galicia, como o reitor da UDC, Julio Abalde Alonso,a Vicerreitora de Titulacións da USC, Victoria Otero Espinar, ou a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey Vilar. O premio, que naceu en 2014, conta tamén colaboración da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta Galicia e a empresa Primux Tech e está organizado por GCiencia. O obxectivo do certame é dar a coñecer a investigación que se fai nas universidades galegas e, ao tempo, animar aos estudantes de comunicación a achegarse ao mundo da investigación e a divulgación científica para transmitilo á sociedade.