O Pazo de San Roque de Santiago de Compostela acolleu este xoves o acto de entrega da quinta edición dos premios de comunicación científica universitaria “Contar a Ciencia-la Caixa”, que convoca a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC).
O estudante de Xornalismo da USC Íñigo Caínzos Achirica (Santiago de Compostela, 1993) foi o gañador grazas á reportaxe “Un reloxo para a independencia”, na que conta o proxecto de tres estudantes da Universidade Compostelá que deseñaron un dispositivo intelixente que axuda a persoas maiores cun grao de dependencia leve.
Íñigo Caínzos recibiu o premio (700 euros en metálico e un smartphone IoxPhone P1 de Primux) de mans do presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ángel Ríos.
Na súa intervención, Caínzos agradeceu ás entidades que fan posible o Premio “Contar a Ciencia-la Caixa” por dar a oportunidade aos mozos e mozas estudantes de Comunicación de achegarse á divulgación científica e dar a coñecer os seus traballos ao público.
No acto, conducido polo director de GCiencia, Eduardo Rolland, tamén recibiron o seu recoñecemento o resto de premiados, que recolleron cadanseu diploma.
Paula Martínez Graña, tamén estudante de Xornalismo na USC e 2ª clasificada do certame pola súa reportaxe “Os fármacos do futuro contra o cancro e a sida fanse en Santiago”, recolleu o premio de mans de José Alberto Díez de Castro, Secretario Xeral de Universidades.
Yago Grela Ojea, que obtivo o 3º posto co traballo “Unha sociedade descorazonada”, recibiu o galardón de Anxo Pérez Romariz, responsable de Comunicación e
Relacións Exteriores de Caixabank en Galicia. Ambos foron obsequiados cun equipo de altofalantes portátiles Sk-21 de Primux.
Á entrega do V Premio “Contar a Ciencia-la Caixa”, asistiron representantes do eido académico, cultural e político de Santiago de Compostela e Galicia. O premio, que naceu en 2014, está convocado pola RAGC, conta co patrocinio de Obra Social la Caixa e coa colaboración da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta Galicia e a empresa Primux Tech e está organizado por GCiencia, o portal da ciencia galega.
O obxectivo do certame é dar a coñecer a investigación que se fai nas universidades galegas e, ao tempo, animar aos estudantes de comunicación a achegarse ao mundo da investigación e a divulgación científica para transmitilo á sociedade.