Diríxese á comunidade universitaria da USC e o prazo para presentarse remata o 10 de novembro

A RAGC e as facultades de Bioloxía, Ciencias, Física, Matemáticas e Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC) convocan o XI Concurso “A Ciencia en imaxe”, no marco das celebracións da festividade de San Alberte Magno, patrón das facultades de Ciencias. Este certame diríxese a toda a comunidade universitaria da Universidade de Santiago.

Neste concurso prémianse fotografías divulgativas de calquera contido relacionado coas Ciencias: conceptos fundamentais, científicos, fenomenoloxía, aplicacións tecnolóxicas, temas de investigación… A autoría das instantáneas debe ser individual. Concederanse dous premios: un primeiro galardón de 200 euros e un segundo de 100 €.

Inscrición

O prazo para inscribirse no concurso estará aberto ata o vindeiro 10 de novembro. O rexistro é gratuíto, para o que cómpre enviar o formulario de inscrición (que se pode descargar da páxina web da USC, onde tamén se poden consultar as bases) e o arquivo coa fotografía ao enderezo de correo quimica.acienciaenimaxe@usc.gal. No asunto debe indicarse “A Ciencia en imaxe”.

Cada participante poderá presentar unha única fotografía, dixitalizada e realizada con calquera equipo, profesional ou afeccionado, incluído o teléfono móbil. As contribucións deben ser orixinais, inéditas (non publicadas en ningún medio de comunicación, mesmo dixital), non presentadas en edicións anteriores deste certame e non premiadas noutros concursos. Cada obra deberá acompañarse dun título e pode incluír un breve comentario ou reflexión.

As fotografías deben presentarse en formato jpg e ter un máximo de 5 MB. Non poderán ser retocadas electronicamente e tampouco se admiten fotomontaxes, unicamente se permiten mínimas correccións de cor e luminosidade.

Os premios entregaranse o 14 de novembro no acto de celebración do patrón das Ciencias, San Alberte Magno

O xurado do concurso de fotografía estará composto por un membro de cada unha das cinco facultades organizadoras, xunto a un membro da Real Academia Galega de Ciencias, e podería contar coa asesoría dunha persoa experta en imaxe.

Para valorar as obras diferentes presentadas, os membros do xurado terán en conta a orixinalidade das propostas, a súa estética, capacidade comunicativa, calidade e adecuación á temática do concurso. O fallo publicarase no Taboleiro Electrónico da USC e na páxina web da facultade de Química. Os premios entregaranse o 14 de novembro na Aula Magna da facultade de Química durante o acto de celebración do patrón das Ciencias, San Alberte Magno.

Información e bases

Share This