Os galardóns recoñecen traballos de investigación aplicada e casos de éxito en transferencia de coñecemento
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (Gain), convoca os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2024. O obxectivo destes galardóns é recoñecer casos de éxito de transferencia de coñecemento na comunidade e difundilos á cidadanía.
Os galardóns, que este ano celebran a súa décima edición, divídense en dúas categorías. O premio “Francisco Guitián Ojea” distingue un traballo de investigación aplicada para recoñecer a creación, por parte dun grupo de investigación, dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia. O traballo pode ser inédito ou estar xa publicado con posterioridade a 2021.
O premio “Fernando Calvet Prats” destaca un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía promovido por un grupo de investigación, froito da colaboración cunha empresa. Irá destinado ao grupo creador da tecnoloxía transferida.
As dúas categorías están dotadas cada unha delas cun premio que ascende aos 5.000 euros e un diploma acreditativo. Poderá concorrer todo o persoal adscrito a centros de investigación situados en Galicia, incluídos os centros tecnolóxicos, entre eles grupos de investigación de universidades, fundacións sanitarias, organismos públicos e privados de investigación de ámbito estatal ou autonómico… En ningunha das dúas modalidades poderán resultar galardoados grupos de investigación ou empresas que xa recibisen o premio nalgunha das tres edicións anteriores do certame, así como tampouco as académicas e académicos da RAGC.
O prazo para a recepción de solicitudes ábrese o 1 de marzo e pecharase o 30 de abril. A tramitación das candidaturas farase de xeito telemático, a través dun formulario específico para cada categoría dispoñible nas páxinas web da Academia e de Gain.