Outorgaranse cinco distincións nos ámbitos da bioloxía e ciencias da saúde, ciencias técnicas, química e xeoloxía, ciencias económicas e sociais e matemáticas, física e ciencias da computación
Poderanse presentar candidaturas ata o 10 de setembro e o acto de entrega será o 8 de outubro, Día da Ciencia en Galicia
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) convoca as “Medallas de Investigación”, galardón que recoñece traxectorias senlleiras en investigación, así como fomenta a promoción da ciencia e a tecnoloxía en Galicia para tratar de difundir á sociedade o aprecio polos valores científicos. Estas medallas recoñecen a traxectoria consolidada de científicas e científicos en activo, cuxa actividade se desenvolveu maioritariamente en Galicia.
Outorgaranse cinco medallas de investigación, unha por cada sección da RAGC: Medalla “Ánxeles Alvariño González”, no ámbito da bioloxía e ciencias da saúde; Medalla “Isidro Parga Pondal”, no ámbito das ciencias técnicas; Medalla “Antonio Casares Rodríguez”, no ámbito da química e xeoloxía; Medalla “Domingo García-Sabell Rivas”, no ámbito das ciencias económicas e sociais; e a Medalla “Enrique Vidal Abascal”, no ámbito das matemáticas, física e ciencias da computación. O prazo da convocatoria estará aberto ata o 10 de setembro.
As propostas poderán ser presentadas por dez profesores ou Departamentos, Institutos ou Centros de Investigación galegos, podendo ser avaladas conxuntamente por máis dunha entidade. Asemade, no caso de falta de propostas, as seccións da Academia poderán propoñer candidaturas. As bases da convocatoria especifican que a proposta debe incluír un documento onde se describa a traxectoria investigadora, así como un currículo vitae abreviado da candidata ou candidato.
Cada unha das seccións da RAGC seleccionará tres candidatas ou candidatos, correspondendo a elección final á Xunta de Goberno da Academia, que valorará tres dimensións: a contribución á creación de coñecemento, por medio de publicacións en libros e revistas; a capacidade de formación, especialmente de doutoras e doutores, e a creación de liñas de traballo e de escola de investigación; e o impacto, considerando a transferencia dos resultados, o liderado en proxectos e redes españolas e internacionais e a inserción na sociedade científica internacional. O premio poderá declarase vacante en calquera das seccións, pero non poderá ser compartido. As propostas remitiranse por correo electrónico a ragciencias@ragc.gal.