O matemático José Rodríguez (Bermés, Lalín, 1770 – Santiago de Compostela, 1824) foi elixido pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) como Científico Galego de 2024. Entre as actividades destinadas a divulgar a súa figura, descubriuse unha placa na igrexa compostelá de Santo Agostiño, no lugar onde foi enterrado fai exactamente 200 anos, o 1 de outubro de 1824.
O propio Rodríguez pediu expresamente no seu testamento que o enterrasen nesta igrexa. Coñécese o lugar exacto onde no seu día foron depositados os seus restos mortais grazas á tese de doutoramento de Carmen Villanueva, dirixida polo profesor José Ángel Docobo, director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC. Sitúase na metade da nave central. A placa identificativa, coa que se busca contribuír a restituír a memoria do ilustre científico, colocouse nese punto, no anexo dunha das columnas. Ata o de agora, non había ningún tipo de distinción, debido -segundo os estudosos da súa vida- ás súas discrepancias coas autoridades da época.
A placa, elaborada en madeira, leva a imaxe do homenaxeado e o seu nome. Incorpora ademais un texto curto en catro idiomas -galego, castelán, inglés e tamén francés pola estreita relación que José Rodríguez tivo con Francia-; uns códigos QR que dan acceso a información máis ampla sobre a contribución do científico galego, elaborados por Carmen Villanueva e José Ángel Docobo; e un pequeno plano indicando o lugar exacto da tumba.
A relevancia internacional do Matemático Rodríguez
José Rodríguez foi catedrático de Matemáticas da Universidade de Santiago, xeodesta, astrónomo, naturalista e viaxeiro científico polos principais centros de Europa. Foi tamén mestre de Domingo Fontán, a quen, grazas ao seu saber e experiencia en proxectos xeodésicos internacionais, lle inculcou a idea de realizar a Carta Xeométrica de Galicia.
Comisionado polo goberno español, participou no levantamento xeodésico da costa mediterránea, co obxecto de prolongar o meridiano de París para poder definir con maior precisión o metro. Estivo traballando en Francia cos especialistas máis recoñecidos en matemáticas, xeodesia e astronomía. Realizou amplas estadías tamén en Inglaterra, Alemaña, e italia. Posteriormente, foi designado para ocupar a cátedra de Astronomía no Museo de Ciencias de Madrid e nesta cidade dirixiu o Observatorio Astronómico.
A categoría científica de Rodríguez era ben recoñecida na súa época, recibindo propostas para dirixir os traballos xeodésicos en Arxentina e Rusia. Non os aceptou, pois consideraba que era o seu país o que debía beneficiarse dos coñecementos que adquirira durante as longas estancias en Europa, contribuíndo dese xeito ao progreso da súa patria.