Están promovidas pola RAGC e a Deputación de Lugo

A Real Academia Galega de Ciencias e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago, celebrarán a partir da vindeira semana as “XXXIV Xornadas Luis Asorey”, centradas nesta edición nos soutos de castiñeiros como ecosistemas multifuncionais. Desenvolveranse do 13 ao 22 de novembro no salón de actos da Deputación de Lugo (rúa San Marcos, 8), en horario de 19:00 a 21:00 horas. Este ciclo está recoñecido pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades como actividade de formación do profesorado non universitario.

O coordinador desta iniciativa é Antonio Rigueiro, catedrático emérito da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo (USC), presidente da Asociación Forestal de Galicia e membro numerario da RAGC. Salienta que “o castiñeiro é unha árbore con grande importancia económica, ecolóxica, paisaxística, xenética e cultural na nosa comunidade autónoma, o que nos motivou a dedicarlle este ano as Xornadas Luís Asorey”.

O experto asegura que “o Programa estratéxico da Xunta seguramente animará a moitos propietarios forestais a recuperar os seus soutos vellos e a crear novos soutos, por iso as conferencias das xornadas incidirán nalgúns aspectos clave relacionados con este cultivo como a plantación de castiñeiros para producir froito ou madeira, os tratamentos culturais e silvícolas axeitados en cada caso, os soutos como sistemas agroforestais e as distintas producións asociadas aos mesmos, a sanidade, a conservación dos recursos xenéticos do castiñeiro, as variedades apropiadas para a creación de novos soutos ou a comercialización da castaña, entre outros”.

As xornadas diríxense aos propietarios forestais que desexan realizar plantacións de castiñeiros para producir castañas, madeira ou ámbolos dous produtos, aos técnicos da administración agroforestal e de empresas de servizos forestais, aos estudantes do eido agroforestal, ás agrupacións ambientalistas e ao público sensibilizado con este tema. 

Programa do ciclo

A primeira conferencia -luns 13- versará sobre os soutos de castiñeiros como sistemas agroforestais e impartiraa o catedrático Antonio Rigueiro. O 14 Fina Lombardero, profesora de Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, abordará a sanidade do castiñeiro e da castaña. O 15 tratarase a creación de soutos mansos e plantacións de castiñeiros para madeira, da man do catedrático da EPS de Lugo Roque Rodríguez. O 16 o tema será a conservación de recursos xenéticos do castiñeiro, a través dunha conferencia de Juan Luis Fernández, profesor da EPS de Lugo.  

O día 20 Beatriz Míguez, do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, abordará o material vexetal na produción da castaña. Na seguinte xornada, Jesús Quintá, xerente de Alibós -unha das principais empresas transformadoras de castañas en Europa- e presidente da Indicación Xeográfica Protexida “Castaña de Galicia”, centrarase na comercialización e industrialización deste produto. Como remate do ciclo, José Luis Chan, director xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería de Medio Ambiente, explicará o Programa estratéxico do castiñeiro e da produción da castaña.

INSCRICIÓN para participar gratuitamente nestas conferencias

PROGRAMA

Share This