As dúas entidades convocan os “Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores xoves”
Concederanse tres galardóns, nas áreas das Ciencias Sociais, Básicas e Técnicas, cunha dotación de 5000 euros cada un
A Real Academia Galega de Ciencias e a Universidad Intercontinental de la Empresa crearon os “Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores xoves”, froito dun convenio asinado en xullo entre ámbalas dúas entidades. Estes galardóns nacen co obxectivo de impulsar a investigación científica en Galicia, dando recoñecemento e potenciando as traxectorias de investigadoras e investigadores novos que desenvolven a súa carreira en centros da nosa comunidade, contribuíndo ao impulso do coñecemento científico como motor de progreso.
Acaba de publicarse a primeira convocatoria deste certame, que terá unha periodicidade bienal e distinguirá tres ramas de coñecemento, cunha dotación de 5000 euros cada un dos tres premios. Por un lado, recoñecerase a contribución da investigación ao desenvolvemento das Ciencias Básicas en Galicia, en calquera dos campos da física, a química, as matemáticas, a bioloxía, as ciencias biomédicas e a xeoloxía. Ademais, premiarase o impacto da investigación no desenvolvemento das Ciencias Sociais na nosa comunidade nos eidos da economía, a socioloxía, a antropoloxía social e a psicoloxía social. Por último, na rama das Ciencias Técnicas recoñecerase a contribución da investigación ao desenvolvemento tecnolóxico nas áreas da enxeñaría e a arquitectura, valorando o grao de innovación e a súa aplicabilidade. En cada unha das categorías poderá concederse un accésit.
Tal como se recolle nas bases do certame, poderán presentar a súa candidatura todos aqueles investigadores e investigadoras que desenvolvan a súa actividade en Galicia e que non superen os 40 anos de idade, ou os 42 no caso das mulleres que foran nais ou das persoas con algunha incapacidade.
O 15 de outubro remata o prazo para presentar as candidaturas a estes premios
As candidaturas deberán presentarse a través dun formulario específico na web da RAGC (www.ragc.gal), describindo a traxectoria investigadora. Valorarase a contribución á creación de coñecemento por medio de publicacións en libros e revistas, a traxectoria internacional, a dirección ou participación en proxectos e captación de fondos para investigación, a dirección de teses de doutoramento e de proxectos fin de máster, así como a difusión da ciencia á sociedade. O prazo da convocatoria remata o vindeiro 15 de outubro. As premiadas e premiados recibirán os seus galardóns nun acto que se celebrará en decembro.