O académico da RAGC Ángel Carracedo, máxima autoridade mundial no campo da medicina forense, vén de ingresar na Real Academia de Medicina de Galicia. Artífice da Fundación Pública de Medicina Xenómica, o xenetista pronunciou o seu discurso de ingreso baixo o título «Desde a bioloxía forense ás ciencias ómicas forenses: Historia da evolución da xenética forense».
No seu discurso Carracedo salientou que «devolver restos non identificados a familiares, xente que foi falsamente acusada e que quedou en liberdade grazas ao que fixemos, ou agora, a partir dos xenes que descubrimos, poder dar diagnósticos. A xente á que podemos axudar compensa unha vida de esforzo e traballo, moito máis ca ningún avance nin contribución á ciencia». Sinalou que queda por diante «atopar a causa de moitas enfermidades que non se coñecen ben, tratamentos para a xente que sufre, e encantaríame entender os trastornos psiquiátricos, que son os grandes esquecidos e hai moitísimo que facer en todos os aspectos, empezando por evitar o estigma, por integralos e buscar tratamentos axeitados».
Da laudatio encargouse Javier Jorge Barreiro, quen resaltou do homenaxeado o feito de que é autor de máis de 1.000 artigos en revistas científicas, 150 proxectos de investigación con máis de 5.000 citacións anuais, 8 patentes, 105 teses de doutoramento dirixidas e 3.000 conferencias impartidas en 70 países. Indicou que Carracedo dedicou gran parte de su vida a «pescar xenes» relacionados con enfermidades e que tivo a máis de 100 investigadores á vez baixo a súa responsabilidade.