A charla celebrarase ás 9:40 horas no centro escolar e estará impartida pola decana da Facultade de Matemáticas e profesora de Matemática Aplicada da USC, Elena Vázquez Cendón
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra celebran o luns, 13 de decembro, unha nova conferencia para fomentar vocacións científicas entre estudantes de secundaria e bacharelato. Será ás 9:40 horas no IES Pintor Colmeiro de Silleda. Esta charla forma parte do segundo bloque do II Ciclo de Conferencias “Aida Fernández Ríos”, coordinado pola catedrática de Microbioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e vicepresidenta da RAGC, Alicia Estévez Toranzo.
Estas charlas teñen como finalidade achegar a ciencia á poboación máis nova e fomentar as vocacións científicas, así como concienciar ao alumnado de que nenos e nenas teñen as mesmas capacidades e poden chegar a ser o que se propoñan. As charlas estarán impartidas por mulleres das tres universidades galegas, que ofrecerán ao alumnado temáticas atractivas sobre as bacterias comeplásticos, a revolución alimentaria e a intelixencia artificial, entre outros.
A decana da Facultade de Matemáticas e profesora de Matemática Aplicada da USC, Elena Vázquez Cendón, será a encargada de impartir a charla titulada “As matemáticas que pesquei na ría de Pontevedra”.Asistirán un grupo de 42 alumnas e alumnos de 1º de bacharelato.
O obxecto desta charla é compartir co alumnado matemáticas próximas. A motivación da investigación de Elena Vázquez nace de coñecer as mareas na ría de Pontevedra. Compartirá cos alumnos a colleita matemática que aprendeu e que serviu para aplicar a outras partes do planeta, acuñando o lema “Matemáticas para un mundo mellor” do proxecto Marzo, mes das matemáticas (http://marzomates.webs.ull.es/).