Amparo Alonso, catedrática da Área de Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña: “A Intelixencia Artificial é unha revolución, a tecnoloxía que máis está a contribuír a definir a nova sociedade superintelixente do futuro”
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra celebran mañá xoves, 9 de decembro, unha conferencia para fomentar vocacións científicas entre estudantes de secundaria e bacharelato. Será ás 11:55 horas no IES Illa de Ons de Bueu. Esta charla forma parte do segundo bloque do II Ciclo de Conferencias “Aida Fernández Ríos”, coordinado pola catedrática de Microbioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e vicepresidenta da RAGC, Alicia Estévez Toranzo.
Na charla de mañá en Bueu participarán 32 alumnas e alumnos de 4º da ESO que asistirán ao relatorio “A intelixencia artificial non é ciencia ficción”, impartido pola catedrática da Área de Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña e expresidenta da Asociación Española de Intelixencia Artificial (AEPIA), Amparo Alonso Betanzos.
“A Intelixencia Artificial é unha revolución, a tecnoloxía que máis está a contribuír a definir a nova sociedade superintelixente do futuro” –argumenta–. Alonso Betanzos destaca que na charla explicará que é a Intelixencia Artificial, cales son os seus usos e as súas metas, tecnoloxía presente practicamente en calquera campo, e tamén cales son algúns dos problemas abertos e as limitacións actuais. “A tecnoloxía é cada vez máis interdisciplinar, e a Intelixencia Artificial necesita para o seu desenvolvemento non só enxeñeiros e científicos, senón tamén profesionais das áreas de Humanidades, para que todos podamos contribuír ao desenvolvemento dunha Intelixencia Artificial que sexa boa para as persoas” –apunta–.
Ademais, a catedrática asegura que esta tecnoloxía está a cambiar o emprego, a educación e a forma que as persoas teñen de relacionarse na sociedade, polo que na conferencia expoñerá algunhas ideas para poder enfrontar un futuro cambiante e apaixonante.
Estas conferencias teñen como finalidade achegar a ciencia á poboación máis nova e fomentar as vocacións científicas, así como concienciar ao alumnado de que nenos e nenas teñen as mesmas capacidades e poden chegar a ser o que se propoñan. As charlas estarán impartidas por mulleres das tres universidades galegas, que ofrecerán ao alumnado temáticas atractivas sobre as bacterias comeplásticos, a revolución alimentaria e a intelixencia artificial, entre outros.