Académicos de Honra
Excmo. Prof. Dr. Carlos Pajares Vales
Carlos Pajares Vales (Madrid, 1945) é profesor e investigador no campo da Física de Partículas, en particular no da materia a alta densidade e/ou temperatura e interaccións entre hadróns e núcleos. Na actualidade é profesor emérito da Universidade de Santiago e investigador do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da USC. Ao longo de máis de catro décadas influíu de xeito moi notable no desenvolvemento deste eido, a través das súas ideas, concretadas en publicacións, na súa participación activa en conferencias, así como na posta en marcha do IGFAE, amplamente recoñecido no ámbito internacional.
Doutorouse en 1971 na Universidad Complutense de Madrid con premio extraordinario. Foi investigador posdoutoral na Universidade de París XI (Orsay) e na Universidade de Washington en Seattle. Posteriormente foi profesor na Universidad Autónoma de Barcelona e na de Santiago de Compostela. Durante varios meses foi investigador nos laboratorios nacionais americanos de Argonne e Brookhaven, no británico Rutherford, no CERN (Centro Europeo de Física de Partículas) de Xenebra e no Institute of Nuclear Theory de Seattle. Ten pronunciado conferencias en diversos centros e universidades de Europa, Asia e América.
Publicou 310 artículos en revistas de recoñecido prestixio, realizou máis de 60 contribucións a congresos, 10 reviews, publicou 3 libros e editou outros 5, sendo as súas publicaciós frecuentemente citadas e lidas. Tamén realizou un importante labor de divulgación, con numerosas conferencias, 2 libros, 17 artículos en revistas científicas e innumerables artigos en xornais (El País, ABC, El Mundo, El Correo Gallego, La Voz de Galicia, Faro de Vigo…). En 1994 recibiu o Premio de Divulgación Científica da Xunta de Galicia. Dirixiu o suplemento semanal de Ciencia, Omega, de El Correo Gallego.
Dirixiu varias teses de doutoramento, en particular a profesores de universidades (Autónoma de Barcelona, Córdoba, Málaga, Santiago) e investigadores en diversos centros de investigación. Discípulos seus son investigadores recoñecidos internacionalmente como A. V. Ramallo, director do Grupo de Teoría de Cordas de Santiago, N. Armesto, E. Ferreiro ou C. Salgado, frecuentemente solicitados para conferencias plenarias en congresos e con artigos moi citados.
Títulos e Recoñecementos
Entre as súas distincións, foi galardoado coa Medalla de Ouro 2000 da Real Sociedad Española de Física, o Goberno francés nomeouno Cabaleiro das Palmas Académicas en 1994, foi Premio de Investigacion de Galicia en 2007, é Doutor Honoris Causa pola Universidad Técnica de Lisboa (2011) e pola Universidad de San Petersburgo (2013).
Ten realizado numerosos labores de xestión universitaria e de política científica. Foi reitor da Universidade de Santiago e primeiro Decano da Facultade de Física da USC. Participou e foi membro de numerosos comités científicos nacionais e internacionais. Foi un dos redactores do “Plan Movilizador de la Física de Altas Energías” en 1983, clave para o desenvolvemento deste campo en España e modelo para plans nacionais doutros eidos. Durante os anos 2008-2012 foi delegado científico de España no CERN e membro do comité de avaliación da situación neste campo de diversos países solicitantes para entrar nesta organización, así como do comité de ampliación xeográfica e científica do CERN. Entre 1993 e 1996 foi asesor da OEIA (Organismo Internacional de Enerxía Atómica) para a implantación do Programa Alfa. É vicepresidente da Real Sociedad Española de Física. Foi membro do Consello Universitario de Galicia (1997-2012). Na actualidade forma parte do comité editorial de varias revistas internacionais de Física de Partículas.